Se a Internet serve entre outras cousas para que as persoas que sofren abusos dean conta da súa experiencia e sinalen co dedo aos seus responsables, unha boa parte das dúbidas que poidamos ter sobre a comenencia dos cambios que está á desencadear a Rede na sociedade semellan en gran medida esvaecerse: igual que chegaron. A Internet como obxecto de denuncia, comunicación e entendemento (se é posible) é a Rede que quere precisamente impulsar a Federación de Ensinanza da UXT (FETE-UXT), que vén de anunciar a posta en marcha dunha asesoría psicopedagóxica na Internet co fin de incidir a prol da convivencia escolar e na resolución de conflitos.
Esta ferramenta, moi indicada para un deses males que semella dos nosos días pero que houbo sempre (o abuso, de alumnos a alumnos e de mestres a alumnos, e de alumnos a mestres), comezará a estar operativa hoxe mesmo, venres 30 de xaneiro, coincidindo coa celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz e máis polo miúdo co día en que foi asasinado o líder pacifista hindú Mahatma Ghandi.
A páxina web Convivenciaescolar.org fica deste xeito aberta á participación activa de todas e todos os membros da comunidade ligada á ensinanza, psicólogos, especialistas en educación, pais, mestres e alumnado incluídos. O gran fin da páxina é colaborar na medida do posible na resolución de problemas derivados do acaso ou maltrato, tamén coñecido hoxe en día como bullying.
UXT habilita unha web para resolver conflitos nas escolas
Compartir Este Artigo

