Paseniño, vai habendo unha Rede á medida de todas e todos. Iso si: por moito que pareza que na Internet xogamos todos, non podemos esquecer que unha boa parte do que se nos pon ao alcance da man cómpre pagalo, e moito. Nunha liña semellante pero diferente, de traballar a prol dunha Internet máis social (tanto como se poda) pero sen arela directa de negocio, é onde se sitúa a rede Livewire, proposta en liña referenciada pola axencia Reuters que consiste basicamente en dar acubillo e servizos específicos á mocidade con enfermidades ou diversidades funcionais. A páxina web, que chega da man dunha organización australiana, a Fundación de Nenos Starlight, púxose en marcha a semana pasada co obxectivo de achegar apoio e acougo a mozas e mozos do país con idades comprendidas entre os 10 e os 21 anos e que teñan algún tipo de problema de saúde ou diversidade. Este colectivo, especialmente necesitado de espazos onde se lles recorde que non hai cidadáns de diferentes categorías (só hai unha, universal), está constituído no dito país por arredor de 450.000 persoas.
Para os responsables da rede, un dos xeitos fundamentais de axudalos é, precisamente, poñelos en contacto entre si: “A relación que os rapaces poden crear con eles mesmos é verdadeiramente unha maneira de axudalos a reforzar amizades que poidan botar en falta no mundo real”, sinalou nunha entrevista o director xeral do servizo, Omar Jalifa. A organización que dá acubillo a Livewire xa amosou a súa intención de achegar algo máis seguro, fiable e, sobre todo, desinteresado que o que ofrecen redes como MySpace ou Facebook. De feito, ao longo destes días en que se está dando a coñecer, os autores da web non cesaron á hora de facer fincapé nas medidas postas en xogo de seguridade e privacidade, especialmente ríxidas. Nesta nova canle os usuarios e usuarias poden xogar, atopar blogs, entrar en chats e, en definitiva, comunicarse e apoiarse entre eles. Os responsables da web agardan chegar este ano á cifra de 20.000 membros.
Australia pon en marcha unha rede social para mozas e mozos con diversidade funcional
Compartir Este Artigo

