Agora que nin a Rede nin a industria discográfica tradicional son iguais que hai cinco anos (á primeira foille ben, á segunda non tanto), non está de máis que vaimos paseniño albiscando cal vai ser o futuro do mercado da música e como afecta aos que queren –por riba de todo- seguir escoitando cancións nos seus reprodutores e do xeito que sexa. Pois ben: máis que do contido, os cambios veñen sobre todo do lado da forma (en troques de CDs físicos nas tendas aos prezos –elevados- de sempre, teremos ao noso alcance arquivos dixitais que oscilarán entre o gratuíto e o máis ou menos económico). Haberá pois na Rede diferentes versións do que se practicaba ata o de agora: as redes p2p e as propostas dos propios artistas por ofrecer música o máis libre posible son o equivalente multitudinario do que consistiu sempre en ir pasándonos discos, mentres que a apertura de páxinas web de escoita e venda de cancións constitúe a translación ao dixital do modelo-tenda. Neste paquete é onde se insire un dos servizos que máis medra no eido estatal: Yes.fm, unha canle en liña que vén de lanzar a versión final logo de cinco meses en beta e que semella construírse seguindo polo miúdo o que a industria discográfica tradicional só pasaba máis ben polo forro: as opinións dos usuarios.
O servizo, que non é outra cousa que unha tenda pero en liña, permite arestora escoitar máis de dous millóns de cancións e 170.000 discos que veñen achegados por grandes empresas en camiño da reconversión (EMI, Universal, Warner Music e SonyBMG) e unha chea de selos do eido independente. A web, que se centra sobre todo na achega musical vida de España, apóiase no que ben podería ser a tarxeta de presentación da nova orde de Internet: a posibilidade de crear comunidades. Así, Yes.fm permítelles aos usuarios rexistrados poñer en marcha espazos persoais propios de seu, compartir listaxes de reprodución, escoitar as escolmas dos demais internautas ou ata dar conta das recompilacións feitas polos seareiros da música mellor e máis acreditados (críticos, especialistas, afeccionados de pro, etc).
Entre as novidades recentes da páxina web con respecto ao ofrecido ao comezo da súa andaina, hai case medio ano, inclúese a presentación dun deseño e pantalla de uso máis sinxelo, con máis presenza das cores brancas e das ferramentas principais facilmente localizables. Asemade e entre outras melloras, inclúese un buscador que non require criterios engadidos de procura, atallos para chegar de xeito rápido ás listaxes de reprodución (playlists), melloras nas fichas dos músicos, noticias internacionais do eido da música, un menú para cada usuario (persoal) e unha ferramenta en liña que lle relembra ao internauta rexistrado as cancións máis recentes das escoitadas. Polo que respecta aos custes do servizo, sinalar que arestora se achega un prazo de proba para os internautas interesados en facer uso do servizo e que permite entre outras cousas dar conta a fondo e libremente do catálogo do servizo. Máis tarde poderán seguir usándoo de balde (con certas restricións no acceso á totalidade do repertorio) ou pagar 3,95 euros ao mes ou 39,5 ao ano co obxectivo de dispoñer de toda a escolma habilitada.
Yes.fm sae da fase de probas con dous millóns de cancións e 170.000 discos
Compartir Este Artigo

