Entre a Comisión Europea e Microsoft, sobre todo no que se refire a navegadores web e a xeitos de distribuílos, semella haber un muro para o entendemento. Dun lado e de outro e ao longo dos moitos meses de desencontro entre as partes (o proceso comezou cando a institución pública veu presuntos indicios de monopolio na preinstalación do navegador Internet Explorer, de Microsoft, no seu propio sistema operativo) rexistrouse un intenso labor de posicionamento: o de cada empresa ou institución cos seus motivos para apoiar unha causa ou a outra (motivos algúns deles, cómpre dicilo, interesados). Entre os “non aliados” de Microsoft nesta liorta atopamos estes días a Google, que vén de unirse ao caso antimonopolio en apoio da Comisión Europea cun obxectivo claro: que a empresa creadora de Windows recoñeza que hai ferramentas alleas coas que se pode traballar polo ben común dos internautas. Para comezar, a idea do Executivo europeo e do seu novo aliado –Google- pasaría por obrigar a Microsoft a incluír varios navegadores no sistema operativo propio de seu, Windows.
O buscador, que está a achegar estas e outras informacións a través dun dos seus blogs corporativos, xustifica esta arela na propia situación do mercado de navegadores, moi crítico de por si e moi pouco dado a melloras importantes no eido da innovación, feito que viría desencadeado, en boa medida, pola falta de competitividade e polas prácticas de monopolio desenvolvidas por Microsoft.
Esta cruzada tecnolóxica acabada de asumir polo buscador Google, curiosamente coincidindo co fracaso do seu propio navegador (o Chrome só chega polo de agora ao 1% dos internautas), é posible que teña consecuencias, de chegar a bo porto, interesantes para unha boa parte dos internautas e, máis polo miúdo, para os que defenden un concepto máis libre do software: Microsoft podería verse obrigada a incluír programas de natureza aberta nos seus sistemas operativos. Por exemplo: o Firefox de Mozilla.
Google entra en xogo no proceso da UE contra Microsoft
Compartir Este Artigo

