Se o símbolo da crise produtiva actual é un ladrillo, o da superación da mesma ben pode vir con feitura de cerebro. Ou dun dos seus parentes directos: a innovación tecnolóxica. Disto, de tirar partido das ideas para darlle pulo ás economías propias e alleas, é do que trata unha boa parte da estratexia presente e futura da empresa galega Blu:sens, firma da que se fala moito nos medios nos últimos tempos pero non sempre de maneira directa: o habitual é que se dea conta dela dende fóra dos seus emprazamentos físicos e sen apenas contacto coa súa realidade interna. Darlle a volta a isto foi precisamente o primeiro gran obxectivo do encontro mantido este venres entre profesionais da compañía e blogueiros-TIC procedentes de varios recantos de España, xuntanza con feitura de visita a domicilio e de reunión informal que tivo unha gran particularidade con respecto a previas achegas informativas: desenvolveuse na casa Blu:sens.
Entre os medios que participaron nesta iniciativa atopamos xornalistas procedentes dalgunhas das canles virtuais de meirande prestixio no panorama español: Clipset, Engadget, Gizmología, Gizmos, Noticiasdot, Pixel y Dixel, Tu Experto ou Xataka.
Por certo, que o segundo obxectivo da actividade foi presentar perante os profesionais da comunicación ao cerebro en persoa: o dispositivo Blu:brain, a gran aposta inminente da firma para o espazo onde máis posibilidade de futuro ten a tecnoloxía de lecer dixital: o fogar de cada quen. Na visita, que non tivo restricións á hora de amosar o día a día do traballo na empresa, oficiaron de guías, entre outros, Miguel Churruca (director de Marketing de Blu:sens), José Ramón García (CEO de Blu:sens) ou Miguel Silva (o vicepresidente executivo).
O itinerario, que comezou na sede central que a empresa ten en San Lázaro, demorouse logo na factoría de innovación por excelencia na compañía: o edificio CST, situado no Polígono de Costa Vella. Como dixemos, a idea foi achegarlles aos blogueiros do eido dixital algo máis que unha xanela directa ao quefacer de Blusens: puideron visitar todos os elos da cadea de produción (xestación de novos produtos, ensamblaxe, deseño e márketing, distribución, asesoramento ao cliente, etc). Mesmo houbo tempo para reproducir nunha mesa de traballo o que ben pode ser (calquera outro día) un obradoiro de ideas acerca dunha estratexia ou produto da firma. Desta volta, a diferenza estribaba en que produto sobre o que se falou principalmente xa está feito: o Blu:brain. Con todo, e antes de que os profesionais da compañía se metesen de cheo coa súa nova criatura, houbo información para poñernos, por así dicilo, ao día:
· Blu:sens, por se alguén o dubidaba, é xa a todas luces unha multinacional: está presente en catro continentes e están en marcha as firmas Blu:sens Sudamérica, Blu:sens México, Blu:sens Reino Unido e Blu:sens Canadá.
· Fabricante líder de vendas de MP3 en España e cun medre de ata o 200% anual.
· Inclúe na súa planta de Compostela, a do Polígono de Costa Vella, un completo servizo de atención e asesoramento ao cliente propio e personalizado. Esta aposta, a xuízo dos responsables da compañía, é máis que unha simple estratexia de mellora na comunicación cos usuarios: é un dos principais piares sobre os que descansa o seu inminente asalto tecnolóxico aos fogares.
· Ten participado nalgúns dos encontros internacionais de lecer dixital máis salientables: o IFA de Berlín, o CES de Las Vegas ou o GITEX de Dubai.
· Incorpora arestora un investimento en Investigación e Desenvolvemento (I+D) do 10%.
· A día de hoxe e en cuestión de márketing, a compañía compostelá está principalmente centrada en dous puntos de mira: comunidades e usuarios. Nesta liña é onde se insire Blu:generation, a súa rede en liña encamiñada a afianzar veciñanza virtual arredor do lecer interactivo que achega a empresa. O espazo en liña, que fornece aos internautas de recursos multimedia, foi proposto como lugar de encontro para toda/os as/os seareiros da música dixital, o cinema ou o deseño.
Fogar conectado sen límites
A aposta de Blusens polo fogar dixital é a estratexia dunha empresa que está tratando de albiscar o futuro, con todas as dificultades que iso implica. Para comezar, e segundo nos contaron os responsables da compañía durante a visita ás súas instalacións, baséase nun criterio de lóxica: que imos facer cos recursos de lecer dixital e audiovisual que temos na casa cando xa non haxa espazo para albergar máis? Vémolo en moitos domicilios: todo está tan espallado que non se entende porqué non se traballou máis dende as empresas no eido da converxencia e da comunicación interna. Como avance deste produto, Blusens quere deixar claro que non parte de cero e que non achega ren que non se probase a achegar antes. A diferenza radica na unión: no mercado hai dispositivos semellantes a Blu:brain, sinalan, pero non nun único equipo.
A estratexia sobre a que se apoia esta tecnoloxía en concreto é a mesma que fixo precisa a habilitación dun departamento de atención ao cliente ou a posta en marcha da devandita comunidade en liña (Blu:generation): a estratexia de meterse no mundo para ver que necesita o usuario. Neste senso, sinalan, é onde se insire un dos esforzos máis salientables á hora de sacar á luz a plataforma, que é o de facela comprensible.
“Quixemos que estas ferramentas fosen o máis abertas posibles, que estean suxeitas a un proceso de medre, que non fosen obxecto das restricións que adoitan vir da man do software propietario”, sosteñen facendo referencia á funcionalidade premeditadamente limitada dunha boa parte dos aparellos tecnolóxicos do mercado: a gran industria, e isto podémolo ver todos os días, afoga a compatibilidade dos seus produtos para non beneficiar propostas alleas.
O dispositivo Blu:brain, detallado en todos os seus puntos ao longo da visita a Blusens, vén de dar recentemente un paso importante no camiño do afianzamento: afrontando, co apoio da tecnoloxía Powerline da empresa Gigle (colaboradora de Blusens), un tipo de conectividade no fogar entre aparellos tecnolóxicos que non obrigue ao despregue de fíos. A idea presente é dotar a Blu:brain, o cerebro dixital, das redes neuronais máis cómodas de empregar e menos intrusivas. Isto vai ser posible grazas aos enchufes: por medio da tecnoloxía Powerline, os datos discorrerán do centro de medios dixitais (o Blu:brain) aos restantes dispositivos e terminais da casa a través dos fíos do eléctrico. O único requirimento para acceder aos contidos que achega o Blu:brain será pois algo tan sinxelo como ter enchufados os trebellos correspondentes (reprodutores, memorias, etc). Por certo que entre as moitas cousas que poderemos contar con este cerebro dixital están os televisores (con 24 referencias diferentes dentro do catálogo da firma) con tecnoloxía Wi-Fi, os discos duros multimedia, os sintonizadores TDT, os reprodutores Blu-Ray e DVDs e os marcos dixitais. Polo que respecta aos servizos que achega, os responsables de Blusens fixeron unha escolma dalgúns dos máis salientables: Web TV, IP TV, Alta Definición, HDD Multimedia, PVR ou HDTVx2.
O Blu:brain, que se calcula estea dispoñible finalmente no mercado a partir de maio (e a partir de setembro integrando a tecnoloxía de Gigle), podería estar nos puntos de venda a un prezo de 399 euros.
Blu:sens dálles a coñecer aos blogueiros os segredos do seu cerebro dixital
Compartir Este Artigo

