Despois de preto de catro meses dende a finalización da súa rodaxe, Campás, a última produción de Mr Misto Films, escrita e dirixida por Jairo Iglesias, comeza a súa andaina pola Rede cunha nova web e cun tráiler en alta definición que se pode visualizar na devandita páxina.
O sitio web, deseñado por Doubleclick, permite o visionado dun novo fragmento da filmografía deste compostelán afincado na Coruña e é candidato aos Mestre Matero como mellor obra publicitaria.
O filme, que foi subvencionado pola Consellaría de Cultura a través da Axencia Galega do Audiovisual, contou coa colaboración da Comisión pola Memoria Histórica d´A Coruña e a Concellaría de Cultura do concello da cidade herculina.
Foi gravada en diferentes municipios de Galicia, entre eles, A Fonsagrada, Mondoñedo e Valga, e trátase xa da sexta curta do cineasta galego.
Desta volta, a curtametraxe é a última incursión na guerra civil española, dentro da triloxía que a produtora Mr Misto Films e o director Jairo Iglesias comezaron hai máis dun ano con 1936. Ribadeo e que continuaron poucos meses despois con Cores, peza que aínda hoxe segue a percorrer gran parte da xeografía nacional, presente en máis dunha vintena de certames audiovisuais.
A páxina web de Campás, candidata aos Premios Mestre Mateo
Compartir Este Artigo

