A Rede é para a actividade solidaria un extenso eido de acción onde se ofrecen condicións de acústica antes practicamente impensables. En boa medida e se se aproveitan as súas posibilidades, ten feitura de auditorio internacional. Disto, de conseguir a meirande audiencia en liña é do que trata a iniciativa que veñen de lanzar Twix, Acción Contra el Hambre e M-80: unha campaña encamiñada sobre todo a sensibilizar á sociedade sobre a realidade dun drama que, lonxe de diminuír na súa crueza, semella intensificarse a medida que o mundo que xa é rico se enriquece máis. Falamos da fame e desnutrición que afecta aos habitantes de medio planeta. Como o seu propio nome indica (Un click contra a fame), a iniciativa naceu con vontade de ser directa e de situar entre a posibilidade de axuda e a axuda mesma o menos espazo posible.
A proposta, malia a amplitude xenérica dos seus obxectivos, xorde para un tempo e un espazo ben definidos: o Mali de hoxe, un dos cinco países máis pobres do planeta e, arestora, vítima dunha vaga de desnutrición.
Con este proxecto web colectivo e solidario, a firma Twix fará doazón de 20 céntimos de euro cada vez que un internauta acceda á páxina web. Os cartos que se reciban iran destinados a Acción Contra El Hambre para loitar contra a fame infantil no dito país e para a posta en marcha de dous centros de rehabilitación nutricional aguda e de 47 unidades de apoio móbiles.
Arranca unha campaña web para loitar contra a fame a golpe de click
Compartir Este Artigo

