A vida en Internet non é un paso que se poida dar á lixeira. Isto vale para o persoal e tamén para o eido dos negocios: cómpre seguir unha serie de requisitos para que un dos nosos valores das empresas, a información, non fique á descuberta onde nunca debería ter ficado. Achegar luz sobre estes requisitos é o obxectivo do programa formativo que se celebrou este mes de febreiro nas sedes da Confederación de Empresarios de Ourense e da Confederación de Empresarios de Lugo. As xornadas, que viñeron da man de Ineo a través do Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación e máis a Confederación Española de Empresas TIC (CONETIC), xiraron arredor dunha cuestión de actualidade: a seguridade informática. Con este motivo, os encontros foron en boa medida un fluxo continuo de pasos a ter en conta para un desenvolvemento empresarial na Rede en boas condicións: protección de datos de carácter persoal (LOPD), aplicacións para o negocio do novo DNI (o electrónico) ou información completa sobre as ameazas informáticas de meirande presenza na Internet (incluíndo datos sobre o que está por vir e os xeitos que temos de combatelo).
Segundo informa Ineo, aos encontros acudiron máis dun cento de participantes, en cada unha das dúas localizacións, na súa meirande parte xerentes das pequenas e medianas empresas, aos que se lles achegou a oportunidade de exporlles aos expertos na materia cuestións específicas relacionadas co seu traballo e coa súa empresa.
Ademais dos representantes das Confederacións de Empresarios de Lugo e de Ourense, Ineo acudiu en nome do marco de colaboración co INTECO así como outros proxectos que a asociación leva a cabo co Instituto, non só no ámbito da seguridade senón tamén en temas de accesibilidade, calidade ou ámbitos de interese específico para as empresas.
A asociación galega TIC con sede na Zona Franca de Vigo expuxo ademais outras accións que desenvolve en relación coa seguridade no eido das firmas galegas como é a creación dun catálogo de produtos e máis de servizos dos seus asociados para o acceso ás solucións en materia de seguridade por parte das compañías do resto de sectores. Tamén se falou do apoio que empresta Ineo ás empresas do sector dixital á hora de xestionar axudas a clientes par á implantación de solucións de seguridade.
O afianzamento destas acreditacións representa, de feito, unha das liñas de acción máis importantes dentro da asociación. Neste sentido, Ineo desenvolveu nos últimos anos un total de 51 proxectos a través dos cales, un total de 30 empresas implantaron ou están en proceso de implantación de distintas certificacións no ámbito da seguridade:
· Calidade nos procesos de desenvolvemento de software (ISO12207, ISO90003 e CMMI).
· Calidade en calquera actividade relacionada co proceso de produción (ISO9001).
· Calidade na xestión de servizos relacionados coas Tecnoloxías da Información e Comunicación (ISO20000).
· Xestión da seguridade da información (ISO 27001).
Ineo deu conta en Lugo e Ourense dos camiños a seguir para unha Rede segura
Compartir Este Artigo

