Semella que non só en Italia os máximos mandatarios saben de estragar música, que en Francia tamén teñen o seu, aínda que a outro nivel. Segundo informa Europa Press, o grupo MGMT (en realidade un dúo) vén de demandar ao mesmísimo presidente do país veciño, Nicolas Sarkozy, por empregar sen o seu consentimento unha das súas cancións. O asunto, que non tería nada de novo (tendo en conta que por cada comicio que se celebra sempre hai algún político que se pasa de listo e fai súas melodías de outros, sendo o máis grave do asunto que eses outros fican de xeito irremediable ligados ao político en cuestión, por moi noxento que sexa), si que ten unha particularidade a ter en conta no que se refire ás compensacións ofrecidas: nada máis e nada menos que un euro. Amais, hai outro detalle a ter en conta: o que está a facer o Goberno español en contra da piratería dixital semella case un xogo en comparación co que amosa Sarkozy en Francia: un labor político especialmente restritivo con todo o que non sexa respecto a ultranza polos dereitos de autor protexidos. A xogada, esteamos ou non de acordo co emprego da máxima liberdade na cultura, non deixa de ter a súa graza: iso chámase cuspir contra o vento.
Con todo, para o dúo MGMT, o asunto non ten nada de simpático, sabedores a fin de contas de que mesturar vontade independente cos intereses dun presidente non fai o que se di unha boa combinación. Segundo denuncia o grupo, o máximo mandatario francés fixo uso do seu tema Kids para ambientar o Congreso Nacional do seu partido, a Unión por un Movemento Popular (UMP). A canción, de corte electrónico e tecno, tamén foi o adobío elixido pola dereita gala para darlle máis calado a dous vídeos propios de seu pendurados en Internet. Como dixemos, a resposta do devandito partido foi de todo menos desexable: achegarlles un euro polo emprego da canción. Para a banda, como era de agardar, trátase dun xesto insultante e, segundo vén de declarar a avogada do caso (Isabelle Wekstein) perante a cadea BBC, estamos perante unha falta de respecto cos dereitos dos artistas e dos autores.
A enleada en cuestión, curiosamente, chega tan só uns días antes de que o partido de Sarkozy leve ao Parlamento unha nova lei que promete endurecer ao máximo os castigos pola piratería vinculada ao dixital. Estas e outras razóns veñen de facer que a UMP mova de novo ficha: o pago dos 53 euros que a lei gala fixa para estes casos ao devandito grupo MGMT. Con todo, o dúo segue sen aceptar este novo intento de compensación.
Sarkozy, demandado por violación dos dereitos de autor mentres recrúa a súa lei antipiratería
Compartir Este Artigo

