A web de Lonely Planet, empresa da que forman parte as prácticas guías para viaxes económicas do mesmo nome ou os documentais presentados polo sufridor Ian Wright (especializado en comer toda rareza gastronómica do mundo que se lle poña diante), vén de convocar un certame en liña aberto á participación dos internautas. O concurso web, no que precisamente son os usuarios da Rede os que asumen o papel de xurado cos seus votos, vai dirixido a elixir, entre outras cousas, os mellores blogs de viaxes do mundo nas linguas que sexan, toquen o tema que toquen e proveñan de onde proveñan. Na web de Lonely Planet, que mantén aberto o proceso de votación ata o 20 de marzo, atopamos arestora a escolma de nomeados (cinco por categoría) con cadanseu informe sobre o seu número de votos actuais. Entre as propostas que máis preto nos tocan albíscanse blogs do máis sinxelo e, polo menos en aparencia, do máis desinteresado (non estamos a falar de cadernos que empregan contidos para facer publicidade indirecta de axencias ou de hoteis). Por exemplo: os cadernos Objetivo Lima ou La volta dels 25, o primeiro deles ocupando a primeira liña (con moita diferenza sobre os competidores) na modalidade de cadernos escritos en castelán e o segundo con moita vantaxe na categoría dos redactados en lingua non inglesa (de feito, está redactado en catalán).
Objetivo Lima, que como é natural anima aos seus visitantes a deixar o voto na casa, semella o paradigma do blog que vai ao gran: textos e imaxes, e pouco máis, postos ao servizo da información dada sobre os responsables do caderno, unha parella de mozos estremeños que están arestora de viaxe por Sudamérica e terras de Oceanía. O caderno en cuestión acapara neste intre o 44,% dos votos sobre o resto dos seus competidores: un total de 857 votos.
Polo que respecta a Lavoltadels25.cat, dicir que é un blog escrito en catalán que compite na súa categoría con outras catro bitácoras de todo o mundo redactadas en linguas do máis variado: todas elas diferentes do inglés. Neste intre, o caderno en cuestión acapara unha voa parte dos votos: 597 ou, o que é o mesmo, o 72% do total. Detrás deste espazo hai web, por certo, atópase un xornalista con 25 anos acabados de cumprir (de aí o nome do blog) enfrascado dende hai un ano na teima de dar a volta ao mundo cos seus propios medios. O seu obxectivo, máis polo miúdo, é entrevistar a 25 mozas e mozos da súa mesma idade en diferentes países, a poder ser (claro está) 25. A longo prazo, a idea que sostén o blog é construír un libro con todo este material de experiencia viaxeira.
Objectivo Lima e La Volta dels 25, á cabeza no certame de Lonely Planet para elixir o mellor caderno de viaxes
Compartir Este Artigo

