Vicente Aguilera, un enxeñeiro informático da empresa ISecAuditors, vén de publicar un artigo no que mostra como se pode aproveitar un burato de seguridade existente en Gmail, para cambiar o contrasinal dun usuario sen o seu consentimento, co consecuente perigo de roubo de identidade e acceso á información confidencial dos usuarios da conta de correo de Google.
Aguilera asegura ter informado a Google deste fallo de seguridade no seu servizo de correo electrónico, xa o pasado 1 de agosto de 2007 e obter como resposta, “a solicitude de información adicional para analizar o problema”.
Unha vez enviados os datos solicitados por parte de Google, o enxeñeiro informático volve a recibir, 15 días máis tarde, unha resposta do buscador na que lle aseguran estar a traballar para solucionalo, máis non volve a obter máis novas do caso ata cinco meses despois.
O 18 de xaneiro, Google indícalle a Aguillera, segundo palabras deste, “que non ten pensado facer modificacións para emendar o erro debido a que consideran insuficientes os argumentos achegados”; é entón cando, logo de varios intentos máis para esixir o arranxo do problema, Aguilera decide facelo público.
O fallo, segundo explica o empregado de ISecAuditors, trátase dunha vulnerabilidade do tipo CSRF, que lle permite aos “atacantes” modificar o contrasinal dos usuarios de Gmail sen o seu coñecemento.
Segundo afirma, o único xeito para autentificar ao usuario é “mediante unha cookie que é enviada automáticamente polo navegador en cada solicitude”. O hacker, asegura, “pode crear unha páxina que inclúe as solicitudes da funcionalidade de Gmail de Cambiar contrasinal e modificar os contrasinais dos usuarios que, sendo autorizados, visitarían a páxina do atacante”.
Descobren un burato de seguridade en Gmail do que Google non quere dar conta
Compartir Este Artigo

