
Estas obras, que representan unha importante escolma dos volumes que lanza o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, constitúen principalmente material de axuda e consulta para investigadores. En total, serán 700 libros e 246 teses de doutoramento defendidas nos anos 2007 e 2008 os que a USC e máis Google Books porán en xogo na Rede. Por certo que a natureza do acordo asinado deixa marxe de abondo para futuras iniciativas na mesma liña a medio e longo prazo.
Durante a presentación da iniciativa conxunta, que serviu para facer fincapé en que o proxecto non abrangue a dispoñibilidade total do 100% dos volumes dixitalizados por mor da protección dos dereitos legais dos mesmos (en virtude disto, só se amosará arredor do 20%), participaron arreo o vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, o responsable de Google Busca de Libros para España e Portugal, Luis Collado, e máis o director académico do Servizo de Publicacións da USC, Antonio Azaustre. Segundo se especificou a maiores no encontro cos medios informativos, o labor de dixitalización das obras correrá a cargo do buscador en liña, mentres que a comercialización dos mesmos constituirá unha tarefa da Universidade. A previsión é de que o servizo de compra por Internet estea dispoñible en breve na web institucional da USC.
Cómpre lembrar que Google Books é un servizo que indexa a información contida en centos de miles de publicacións impresas para ofrecer aos usuarios a posibilidade de que atopen calquera dato dentro deles. Arestora conta xa con máis de sete millóns de libros dixitalizados dispoñibles en máis de cen idiomas diferentes, sendo o español o segundo máis empregado nas buscas.
Google Books dará acubillo e difusión a fondos editoriais da Universidade de Santiago
Compartir Este Artigo

