A Lei Orgánica de Igualdade entre Mulleres e Homes, aprobada en 2006, tén como obxectivo facer efectivo o principio de igualdade en calquera ámbito da vida ou actuación pública ou privada, e inclúe tamén o fomento do acceso da muller ás novas tecnoloxías.
Neste contexto, durante o periodo 2006-2008, o Plan Avanza mobilizou un total 26,6 millóns de euros destinados a fomentar a igualdade de xénero na Sociedade da Información, dos cales, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio aportou 14,7 millóns.
Estes fondos, segundo vén de anunciar o devandito organismo público, mobilizáronse a través de dous instrumentos, mediante convenios coas Comunidades Autónomas e mediante a convocatoria de axudas destinadas directamente a proxectos de asociacións e entidades sen ánimo de lucro que traballan neste eido.
En primeiro lugar, os convenios coas Comunidades Autónomas permitiron a posta en marcha de 20 actuacións, cunha movilización de 4,7 millóns de euros, dos que 2 millóns corresponden ao Ministerio de Industria.
Por outra banda, as convocatorias de axudas directas promoveron un total de 75 proxectos de asociacións e entidades sen ánimo de lucro, cuns fondos mobilizados de 21,9 millóns de euros, dos cales o devandito Ministerio aportou 12,7 millóns.
O Plan Avanza2, dentro do seu eixe de Capacitación Tecnolóxica, tamén contempla actuacións para a igualdade de xénero na Sociedade da Información e, neste senso, inclúe dentro da convocatoria de axudas do ano 2009, un presuposto de 4 millóns de euros para actuacións dirixidas, entre outras cousas, a estudos de boas prácticas no uso das TIC, a proxectos para promover a incorporación inicial ás TIC, a fomentar o emprego habitual e o autoemprego, a cultivar o espírito empresarial das mulleres e á incorporación das TIC na súa vida cotiá.
O Plan Avanza mobilizou máis de 26 millóns de euros para fomentar a igualdade de xénero nas TIC
Compartir Este Artigo

