O secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, vén de comparecer perante a Comisión de Industria, Turismo e Comercio do Senado para informar da evolución da Sociedade da Información e do Plan Avanza2, así como da situación actual e das perspectivas do Plan do Tránsito á Televisión Dixital Terrestre (TDT).
No seu discurso, Ros afirmou que Avanza2 “reforza o impulso do desenvolvemento empresarial en sectores clave da industria das TIC, como a TDT, Internet do futuro e os contidos dixitais”, e como exemplo disto sinalou que o Plan de Transición á TDT, “mobilizará 12.000 millóns de euros e creará 36.000 postos de traballo ata 2010”.
O secretario de Estado lembrou que o presuposto do Plan Avanza2 para este 2009, ascende a máis de 1.516 millóns de euros e que para o periodo 2005-2009, a movilización de fondos para o desenvolvemento da Sociedade da Información elevarase a preto de 11.000 millóns de euros.
Asemade, Ros sinalou que, “España está ben situada para beneficiarse da Economía do Coñecemento”, grazas, entre outros factores, ás altas masas críticas de infraestruturas en competencia e mercados básicos, á cobertura case total, á presenza de tódalas tecnoloxías dispoñibles e á existencia de unha industria superior á dos países do entorno, entre outras cousas.
Durante a súa comparecencia, Ros tamén aludiu aos principais logros acadados polo Plan Avanza dende a súa posta en marcha en 2005, e neste senso sinalou a financiación de 2.670 proxectos de I+D+i en empresas, o avance no número de internautas con banda larga (que ascende a un 97 por cento do total), o incremento de servizos públicos dispoñibles por Internet (que acadan o 70 por cento) e a instalación de equipamento TIC e conexión a Internet en 99,3 por cento das escolas de todo o país.
No referente ao proceso de transición á TDT, Ros asegurou estar “na liña axeitada” para seguir co calendario previsto e sinalou ao respecto que: – A cobertura da TDT acada o 92,3 por cento da poboación, “a maior cobertura dos principais países europeos”. – Xa se venderon máis de 17 millóns de decodificadores. – A conexión TDT é unha realidade en máis do 60 por cento dos fogares españois. – A cota de pantalla directa da TDT é do 26,3 por cento. – O presuposto deste ano elévase a 75 millóns de euros, un importe que se dedicará á extender a cobertura dixital, a levar a cabo accións de información de proximidade, a apoiar a colectivos en risco de exclusión e a levar a cabo plans de continxencia e asistencia técnica nas accións de difusión da TDT, en colaboración con Impulsa TDT.
Francisco Ros prevé que o Plan de Transición á TDT xerará 36.000 postos de emprego ata 2010
Compartir Este Artigo

