A Fundación da Innovación Bankinter estivo a semana pasada en Compostela para presentar, da man de BIC Galicia e Feuga, os datos máis salientables do seu estudo Tecnoloxías móbiles: apertura e novos modelos de negocio. A investigación, tal e como reflectimos en Código Cero, pretende destacar en todos os seus detalles as moi amplas posibilidades de desenvolvemento que presenta unha tecnoloxía especialmente presente nas nosas vidas: o teléfono móbil. Segundo fixeron saber os responsables da Fundación, non existe plataforma nin ferramenta de telecomunicación que gozase ou goce dunha mínima parte do proceso de espallamento que experimentou a telefonía móbil ao longo destes anos. Tendo en conta que están en case todos os fogares da nosa terra, sinalaron, e tendo en conta a súa capacidade de unir o tradicional co novo (entre os usuarios destes trebellos hai persoas de todas as idades e niveis de coñecemento), é probable que vaian acadar o que nin a televisión nin os computadores en liña acadaron aínda: a Sociedade da Información plena.
As cifras xerais acompañan: hoxe en día, o nivel de penetración a escala mundial é de máis do 60%. Asemade, e centrándonos no eido español, cómpre sinalar que o número de terminais supera hoxe nun 50% á cifra de habitantes. A maiores, en países como Francia ou Reino Unido, a taxa de penetración está arestora nunha porcentaxe de máis do 100%.
Isto, acompañado de outros sinais de medre, debuxa un panorama interesante non só para fabricantes e operadoras, senón para empresas de servizos web (posto que a tendencia é a de que cada vez haxa máis xente en liña grazas ao móbil), de contidos ou de xestión comercial (máis compras e vendas a través do terminal). Amais de todo isto e de xeito paralelo, medrarán as posibilidades de participar activamente nese mercado dende a sociedade de usuarios (tal e como se está a ver xa coa Web 2.0, a do Facebook ou YouTube, pero ao grande) e mesmo dende o tecido internacional de voluntariado (a chamada mobilaridade: a conexión de beneficio mutuo entre ONGs e operadoras, que contribúe a facer máis doada a achega económica aos países máis pobres).
Pero hai máis datos a ter en conta reflectidos e avaliados no estudo de Bankinter:
· Cada vez os móbiles serán máis verdes. De feito, ao longo de 2008 experimentouse un importante auxe da demanda deste tipo de aparellos, tanto no que se refire á procura da redución de consumo de enerxía como na busca de fontes alternativas.
· As posibilidades dos móbiles de cara ao desenvolvemento das redes sociais que xa podemos ver en Internet son altísimas: a posibilidade de localizar aos usuarios da rede en cuestión é un valor engadido.
· Agárdase a curto prazo un pulo sen precedentes ao uso do móbil no eido sanitario, de atención a persoas dependentes ou da emerxencia en xeral. Para Bankinter, hai xa uns cantos exemplos que serven de referencia do que está por vir: a Comunidade de Madrid, sen ir máis lonxe, onde grazas ao uso do móbil leváronse a cabo 8.000 expedientes de atención por emerxencias, sobre todo nas ligadas aos accidentes e rescates.
Bankinter advirte en Santiago das posibilidades de negocio que achega o uso xeral do móbil
Compartir Este Artigo

