
De todo isto trata precisamente o proxecto de dixitalización do patrimonio histórico de Santiago no que traballa arestora a empresa Esri, especializada en xeodocumentación. A iniciativa, da que dá conta hoxe El Correo Gallego, foi posta en marcha polo Instituto Xeográfico Nacional, o Concello e o Consorcio de Santiago e o Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe. A idea, como dixemos, é ofrecer unha cidade virtualmente visitable e accesible (a partir de 2010) e, asemade, unha ferramenta que facilite a xestión dos elementos patrimonios por parte das institucións ou entidades responsables.
Por certo que esta segunda función estará dispoñible para os xestores do Consorcio dende este mesmo ano, en boa medida para levar a cabo accións de conservación grazas a tecnoloxías que mesturan a información territorial e a documental. Logo do ano 2010, abriráselle a porta á cidadanía para ter acceso aos contidos multimedia e ás visitas de tipo virtual.
O proxecto-ferramenta achegaralles aos xestores recursos de especial utilidade para ter a información máis ampla posible sobre o seu eido de traballo: visualizacións de todos os edificios ou monumentos históricos nun contexto xeográfico exacto e con indicacións pormenorizadas sobre o seu devir ao longo do tempo (intervencións, reconstrucións, rehabilitacións, etc).
A dixitalización do casco histórico de Compostela estará dispoñible en 2010
Compartir Este Artigo

