O Ministerio de Industria e entidades como AETIC ou BSA están a promover estes días unha campaña dirixida a fomentar entre a cidadanía e os empresarios da distribución e produción de equipos e servizos informáticos unha meirande sensibilización de cara ao uso racional do software. A campaña preséntase baixo o seguinte lema: 100% software legal e está previsto que se presente o vindeiro 1 de abril no Salón de Actos da Secretaría de Estado de Telecomunicacións de Madrid. Máis polo miúdo, a proposta (incluída no Plan Avanza 2) quere reafirmar a importancia do mantemento dun feixe de boas prácticas con respecto a un produto lexitimamente desenvolvido, o software legal, e de especial importancia non só para o sector das novas tecnoloxías da información (distribuidores e consumidores incluídos) senón tamén para o progreso económico do país.
A gran particularidade de 100% software legal vén da man do Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas (CENATIC), un órgano especialmente coñecido polo seu compromiso a prol da promoción do software libre e que vén de dar a coñecer o seu apoio á iniciativa lanzándose a facer fronte común con outras tendencias vixentes da produción de programas, máis pechadas e proteccionistas.
CENATIC, con motivo de explicar a súa concorrencia nesta proposta, sinala que á hora de defender a propiedade intelectual dos deseñadores informáticos, non pode haber grandes diferenzas entre unhas correntes e outras: todo é legal, o libre e o pechado, e todo merece ser respectado e sexa ao nivel que sexa.
Volvendo á campaña mesma, dicir que colle corpo sobre todo na súa web, habilitada hai pouco, dende a que se pretende divulgar información útil e de calidade que finalmente xere un cambio de rumbo na actividade comercial e nos hábitos de consumo e de uso dos programas informáticos. A idea é que o sector do software poida evolucionar ata chegar a converterse nun motor importante da economía española. Asemade, a iniciativa vai dirixida a salientar a importancia como certificado do selo 100% legal, que se agarda opere como un aval de calidade, confianza e compromiso co software legal.
Representantes da programación aberta únense á campaña 100% software legal
Compartir Este Artigo

