Este xoves estreouse oficialmente o Internet Explorer 8, que pode descargarse para a súa instalación, contando así con versión en español (aínda que carece do soporte de catalán e galego, linguas que bótanse en falta nesta importante estrea).
Este novo navegador é o que virá por defecto no Windows 7, que será o xeito de conseguir unha boa penetración no mercado, pois polo momento a súa instalación é totalmente voluntaria (aínda que recomendable) e válida para Windows XP/Vista e Windows Server 2003/2008.
O Internet Explorer 8 conserva unha aparencia moi semellante á do Internet Explorer 7, estando a meirande parte dos seus cambios no seu motor interno e en prestacións das que só algúns usuarios tirarán proveito, pero que non carecen de importancia. Temos, por exemplo, a función de navegación InPrivate, máis coñecida coma modo porno, que permite explorar páxinas web sen deixar constancia da actividade (nin no historial nin na listaxe de contrasinais) o que resulta práctico durante o uso de equipos alleos ou públicos; tamén están melloradas as medidas contra o phishing; os aceleradores permiten acceder a redes sociais, mapas e outros servizos web mediante atallos; permítese a agrupación de fichas (pestanas); é capaz de illar procesos para non colgar o navegador no caso de bloqueo dunha das fichas abertas; e resulta rechamante que, aparte de subscribirse a fluxos RSS, o navegador tamén permita engadir o que chaman Web Slices, que son fragmentos de páxinas web que poden consultarse coma despregables dende a barra de favoritos do navegador, amosando así datos de interese coma o prognóstico do tempo, a programación de televisión ou os titulares máis importantes da xornada, aínda que esta última novidade lembra sospeitosamente aos fracasados Active Channels (canles activas) que Microsoft quixo popularizar co Internet Explorer 4.0 hai unha ducia de anos.
Dende Microsoft insisten que o Internet Explorer é máis rápido que outros navegadores existentes, pero non na execución de probas de rendemento javascript (na que o superan practicamente todos os seus competidores) senón nun uso real do navegador, resultando difícil medir a sensación do usuario, pero quedando claro que a mellora con respecto do Internet Explorer 7 é considerable, deixando claro que as melloras deste tipo de aplicación non están na súa espectacularidade nin na súa potencia bruta, senón en cubrir as demandas dos internautas, que buscan un uso cómodo e doado da web.
Lanzan oficialmente o Internet Explorer 8
Compartir Este Artigo

