Time vén de poñer en marcha un proxecto para poñer nas nosas mans o que ben podería considerarse a aplicación das novas vagas e tendencias da Internet (Web 2.0, códigos abertos e programas personalizables, etc) ao modelo habitual dunha revista. O proceso está a coller pulo grazas á un proxecto con nome propio: Mine. Posible grazas ao apoio de Toyota (que anda á procura de novos xeitos de pórse perante o ollo do consumidor e que neste caso terá o privilexio da publicidade exclusiva), a iniciativa conta xa cunha páxina web dende que a poderemos –entre outras moitas cousas- configurar unha revista propia e persoal.
Esta é a raizame da proposta: a web e os seus recursos como apoio para renovar algo que está ferido de morte: a prensa tradicional. Segundo informa Baquia, o lector pode elixir nesta páxina cinco de oito publicacións (Travel and Leisure, Golf, InStyle, Money, Real Simple, Sports Ilustrated, Time e Food & Wine) co obxectivo de recibir por correo, en formato papel, eses números da revista adaptada ás súas necesidades e intereses.
Isto é posible grazas á participación previa do lector, na propia web, onde ten ao seu alcance ata 56 combinacións editoriais distintas.
A publicación resultante, que vai ser de balde pero de tirada limitada, só vai estar ao alcance da man dos lectores residentes en Estados Unidos.
Time achegará revistas adaptadas aos intereses de cada lector
Compartir Este Artigo

