O lanzamento oficial do Internet Explorer 8 está a presentar certas sombras, segundo datos de Net Applications, que detectaron que aínda que o domingo o 2,59% dos usuarios da Internet estaban a utilizar a nova versión do navegador web de Microsoft, a penetración da aplicación caeu ao 1,86% o luns, o que podería indicar que os early adopters, tras probar o IE8, decidiron volver á anterior versión do programa, coa que estaban máis familiarizados.
A nova versión do navegador inclúe o soporte de novos estándares que non empregan moitos editores de páxinas web, e coma resultado moitas páxinas web non se visualizan axeitadamente (algunhas das mesmas, creadas a través dun molde de MS Publisher 2007, o que resulta especialmente rechamante) o que forza a moitos usuarios a desinstalar este navegador que incorpora bastantes melloras das que prefiren prescindir mentres non se adapten distintos servizos web (ou o navegador reciba actualizacións que solucionen os problemas detectados).
De todos os xeitos esta análise dos datos podería nacer dunha mala interpretación estatística, posto que os equipos con conexión á Internet durante as fins de semana non son os mesmos que de luns a venres, de xeito que parece razoable que nos fogares a xente estea a probar o novo navegador, pero no equipo do traballo ou do centro de estudo non poidan facer tal (por depender os cambios de software dos administradores da rede informática e non dos usuarios finais).
Rexistran unha posible caída no uso do novo Internet Explorer
Compartir Este Artigo

