Un día máis aínda que por razóns distintas, seguimos a voltas co binomio antípodas-redes. Desta volta falamos de Nova Zelandia, un país que moito de nós identificamos só cos escenarios convulsos da saga cinematográfica inspirada en Tolkien e que no eido da cidadanía en Internet tamén ten para dar e tomar. Polo menos, así nolo fai saber a prensa internacional con motivo da lei dos tres avisos ao estilo neozelandés que estivo a piques de aplicarse no país e así nolo contan en Mangas Verdes, onde se ofrece estes días un completo resumo dunha historia de vou e non vou que é a breve pero intensa vida deste plan do goberno.
Por certo e para írmonos poñendo en materia: a dita lei dos tres avisos (que chamamos así polas súas semellanzas co plan Sarkozy) sería algo así como o carné por puntos pero en versión máis radical e aplicada a manter a legalidade na Rede: tal e como o seu nome indica, suporía o activamento da maquinaria xudicial para todos aqueles que levando a súa teima por baixar e subir arquivos en Internet, fixesen ouvidos xordos aos primeiros toques de atención e non rectificasen a súa actitude. A lei (que contaba por suposto co beneplácito da gran industria e dunha parte dos propietarios dos dereitos de autor das cancións ou filmes compartidos), ía encamiñada a impoñer fortes sancións a todos aqueles internautas que superaran a devandita liña.
Con todo, malia o interese do goberno do país por sacala adiante, semella que desta volta non puído ser: a presión cidadá exercida pola comunidade internauta, o buscador Google e a principal operadora daquel país, TestraClear (que se negaron a apoiar proxecto), resultou ser máis forte cá súa arela de castigar o grave delito de compartir arquivos pola Internet.
Sexa como sexa, e malia que unha parte importante dos usuarios de novas tecnoloxías da información están xa a celebrar o paso atrás do Goberno de Nova Zelandia, tamén é certo que hai moitas posibilidades de que as autoridades do país, no seu apoio aos requirimentos da RIANZ (que sería a equivalente á SGAE española), contraataquen en breve con outra proposta semellante e probablemente máis dura.
A intención da RIANZ, de feito, semella ser precisamente esa, e máis se temos en conta que xa ten emitido comunicados en relación á lixeireza da devandita lei dos tres avisos con respecto ao uso indebido do material protexido con licenzas de autor.
Nova Zelandia recúa na loita contra as P2P e retira a súa lei dos tres avisos
Compartir Este Artigo

