A capacidade dos amigos do alleo para chegar aos petos do común da cidadanía non ten límites. Neste senso, mesmo se pode facer dun alto nivel de estratexia na xestión só comparable á das grandes empresas (se cadra este tema mereza máis amplitude), e no vieiro de Investigación e Desenvolvemento que están a percorrer os especialistas en calotes estase a asumir plenamente un uso integral das posibilidades das tecnoloxías da comunicación. Dito doutro xeito: unha vez máis, o vello (as estafas de toda a vida) dáse a man co novo (as novas plataformas dixitais). Neste camiño de estudos exhaustivos de mercado e emprego do tecnolóxico é onde se insire a tentativa de timo da que están a advertir webs como bandaancha.eu e que conseguiu prexudicar a centos de usuarios ao longo da fin de semana pasada. Segundo informa a dita páxina e podemos ver de xeito máis claro nos seus foros, unha boa parte da comunidade de usuarios de telefonía móbil foi testemuña estes días da chegada dun novo tipo de calote: unha mensaxe no que se informaba ao portador do terminal da chegada dun paquete que agarda confirmación (unha chamada a un servizo 905 que, como podemos supoñer, non é precisamente de atención ao cliente, senón máis ben de desatención).
Esta é a mensaxe en versión íntegra: “BHL: tenemos pendiente de entregar un paquete al titular del 34619******. si es usted, por favor contacte con nosotros al 90 54 33 523“.
A cuestión, con independencia do verosímil da súa feitura (cada vez as mensaxes de texto aos móbiles están preto do que ben podería ser posible), é a de sempre: unha tentativa de engano e roubo tirando un proveito directo de factores como a arela de cartos ou bens materiais. Segundo advirten webs como a devandita ou mesmo Loeda.net (onde tamén se avalía o asunto en todos os seus detalles) con respecto ao uso que lle podamos chegar a un SMS destas características, cómpre ir alén de sinalalo nun foro de Internet ou de avisar aos nosos amigos e parentes: é preciso dar conta do caso perante a Comisión de Supervisión dos Servizos de Tarificación Adicional, órgano dependente do Ministerio de Industria que centra os seus esforzos en coidar que as empresas que xestiona os 905 cumpran os códigos de conduta aos que están obrigados por lei. A Comisión achega un xeito cómodo de facelo: a través da súa web, enchendo un sinxelo formulario en liña.
Chamamento en liña para denunciar a estafa do 905 rexistrada a fin de semana
Compartir Este Artigo

