Para unha boa parte dos usuarios da Rede, esta ten aínda moitos cabos soltos. Até certo punto, é normal que así sexa: o pulo da Internet é relativamente recente e, como todas as cousas que foxen un pouco ao noso control, tivo un algo de boom urbanístico e de nova realidade que se adianta ás regulacións propiamente ditas. En certa maneira, o escenario xa se puxo á nosa disposición, pero se cadra non con todas as indicacións precisas. Para a Organización Precursora de Iniciativas do Campus de Ourense, OPICO, é necesario contribuír dende o debate a este desfase entre presenza (moita) e regularización (pouca) da sociedade dixital do coñecemento nas nosas vidas. Nesta liña de achegar unha visión máis ampla do marco legal é onde se insiren as primeiras Xornadas de Informática e Legalidade que coordina a devandita entidade coa colaboración do Consello Social e da Escola Superior de Enxeñería Informática (Ourense). Os seminarios, que terán lugar no Edificio Politécnico os mércores 15, 22 e 29 de abril, concíbense coma un curso de función formativa dupla: diríxese tanto a estudantes de Enxeñería e Enxeñería Técnica en Informática como ao alumnado de Dereito.
Para os primeiros, informa a Universidade de Vigo, o curso achegaralles unha introdución aos aspectos xurídicos que afectan ao exercicio da profesión que están a estudar, e para os segundos poralles ao seu alcance unha visión da informática vinculada ás cuestións legais que a regulan. Porén, as xornadas están abertas a calquera estudante ou persoa que teña interese perante unha cuestión, a da regularización ligada á era dixital, que a medida que o peso da Rede medra na nosa sociedade, cobra meirande vixencia.
O curso, engade a Universidade de Vigo, nace coa idea de cubrir certas lagoas na formación dos estudantes do campus, e malia ser a primeira vez que se celebran, os organizadores agardan que se repitan nos próximos anos se acadan o éxito esperado. A inscrición, de carácter gratuíto, poderá realizarse a través da web de OPICO. Ao remate das xornadas os participantes recibirán un diploma de asistencia que será validable, no caso dos alumnos da Universidade de Vigo, por un crédito de libre elección.
O Campus de Ourense acolle este mes unhas xornadas sobre informática e legalidade
Compartir Este Artigo

