O correo electrónico, con todas as súas vantaxes (que as ten), non deixa de ser unha de tantas potencialidades postas ao noso alcance e finalmente estragadas. Lonxe de vir a través del cartas e máis cartas de amor, amizade, avisos de traballo inmediato, agasallos e boas novas, dá finalmente acubillo a unha tentativa tras outra de apropiación do alleo (ben sexan cartos, bens, confianza, paciencia ou equipos informáticos). Para facérmonos unha idea: o 85% dos correos que se enviaron no mundo durante o mes de marzo foron de tipo malicioso, a tenor dos datos achegados pola empresa MXLogic e reflectidos por Vnunet. O problema, lonxe de esmorecer en períodos vacacionais coma este da Semana Santa no que estamos a piques de mergullarnos, intensificase. Por que? Pois porque a corrente de spam (correo lixo) actúa tamén sobre impulsos de mercado: se hai demanda de algo a través da Internet, neste caso paquetes vacacionais ou ben contidos de tipo relixioso, haberá correo lixo.
Segundo sinala a dita empresa, a Semana Santa, ao igual que o Nadal ou San Valentín, constitúe un repunte de actividade para os spammers, sendo a previsión que ao longo dos vindeiros días aumente de xeito considerable a cantidade de correos maliciosos con mensaxes vinculados á celebración da Pascua.
Asemade, e xa que se incrementan as posibilidades de lecer e de acceso aos recursos da Rede, tamén se agarda un medre no número de mensaxes electrónicas apoiándose na achega do novo navegador Internet Explorer 8 como anzol para os incautos. As motivacións, neste último caso, serán con toda probabilidade outras diferentes ás de procurar os nosos cartos ou os nosos datos persoais: serán basicamente as de desprestixiar á casa Microsoft, que está a presentar a súa nova ferramenta coma a máis segura dentro das súas características.
En Semana Santa, coidadiño co correo malicioso
Compartir Este Artigo

