
Este ano, o tradicional evento (que conta con máis candidaturas que nunca) botará unha ollada cara atrás para lembrar o pasado máis recente do audiovisual galego e render homenaxe a algún dos seus momentos máis relevantes. Farano a ritmo de humor e de música, da man do colectivo de artistas Pista Catro e da formación musical Lamatumbá, nun acto que contará con Sergio Zearreta como mestre de cerimonias.
Este actor contará coa axuda de outros rostros coñecidos tanto para a apertura dos sobres notariais que conteñen os nomes dos gañadores como para a entrega dos galardóns, entre eles, Merce Castro, Jessica Figueroa, Luis Castro Zahera, Manolo Romón, Manuel Millán, Gonzalo Rey Chao, Manuel Lourenzo, Isabel Blanco, Isabel Risco, Ana Santos e Mela Casal.
Asemade, o director artístico Suso Montero recibirá o Premio de Honra Fernando Rey, tal e como acordou a Xunta Directiva da Academia, polo seu “prolífico e xenial traballo nesta especilidade da que foi pioneiro na Televisión de Galicia”, ademais das súas aportacións ao cine.
Semana do Audiovisual Galego
Xunto coa Gala, a presidenta da Academia aproveitou a presenza dos medios de comunicación para presentar dúas actividades orientadas á promoción dos traballos finalistas dos Premios Mestre Mateo: a terceira edición da Semana do Audiovisual Galego e, como novidade, os Encontros Mestre Mateo.
A Semana do Audiovisual Galego, ideada para difundir os principais traballos nominados por toda a xeografía galega e que acada a súa terceira convocatoria, desenvolverá o seu programa de proxeccións nun total de 36 salas das catro provincias, dende o 20 ao 25 de abril. As localidades que este ano visita a Semana do Audiovisual Galego son Ferrol, Negreira, Lalín, Verín, Celanova, Neda, Culleredo, Ares, Abegondo, Chantada, Monforte de Lemos, Cariño, Ribadavia, A Guarda, Cambados, Xinzo de Limia, Melide, San Sadurniño, Santiago, Cervo, Nigrán, Valdoviño, Porto do Son e As Pontes de García Rodríguez. Así mesmo, o circuíto chegará a nove institutos de Ribeira, Redondela, Vilagarcía, Burela, Vigo, Vilalba, Carballo e Ourense.
Esta actividade, coordinada como nas anteriores edicións pola produtora MrMisto Films, está patrocinada polas direccións xerais de Comunicación Audiovisual e de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, e ten como colaboradores á Axencia Audiovisual Galega (Consellería de Cultura e Deportes) e ao seu programa de Cinemas Dixitais.
Encontros Mestre Mateo
Este ano, as xornadas de reflexión e debate entre profesionais e académicos que a AGA comezou a celebrar dende 2007 cada mes de xuño –os Encontros da Academia-, adiántanse e celébranse poucos días antes da entrega dos premios. Baixo o nome Encontros Mestre Mateo, dende o 20 ao 29 de abril os nominados nas categorías de Mellor Dirección Fotográfica, Música Orixinal, Guión, Animación, Longametraxe, Interpretación, Dirección Artística, Documentais, Curtametraxe de Ficción e Programa de TV participarán en once coloquios organizados pola Academia Galega do Audiovisual en diversos centros docentes, onde conversarán cos alumnos e outros profesionais sobre o seu traballo, tanto polo que resultaron nominados, como sobre a súa profesión en xeral.
A actividade, que conta co patrocinio das direccións xerais de Comunicación Audiovisual e de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, terá lugar nas sedes dos centros colaboradores, que son a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (ESAD), IES de Imaxe e Son de Bouzas, IES de Imaxe e Son de A Coruña, Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia (EGACI), Escola Fundación TIC de Lugo, Escola de Imaxe e Son de Vigo, Conservatorio Superior de Música de A Coruña, e Casa das Campás da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.

