Logo de que a galega Bahía Software recibira a súa acreditación CMMI (Capability Madurity Model Integration) nivel 2, como recoñecemento ao seu labor de calidade, outra galega, desta volta Satdata Telecom, vén de converterse na primeira empresa do noso país que desenvolve sobre tecnoloxía AVL, en obter o mesmo recoñecemento internacional.
En vista da calidade obtida no desenvolvemento de software, Satdata Telecom recibe esta certificación como un “incentivo máis para continuar na mellora dos procesos de desenvolvemento e mantemento de sistemas e produtos de software”.
O modelo CMMI foi desenvolvido polo Instituto de Enxeñaría do Software da Universidade Carnegie Mellon (SEI) e publicado por primeira vez en xaneiro de 2002, como unha evolución do modelo CMM publicado en 1993; a consultora Sopra Profit foi a encargada de liderar o proceso de certificación de Satdata Telecom.
Esta empresa de orixe galego, comezou a aplicación dos procesos de mellora e madurez en 2008 e no pasado febreiro de 2009, xa lle foi outorgado o certificado CMMI no seu nivel 3.
Este recoñecemento, supón para os responsables e traballadores da empresa, “unha gran satisfacción posto que vén a recoñecer o traballo ben feito, a valorar o esforzo que supón manter a rigurosidade e a calidade no día a día e sobre todo porque serve como un punto máis de garantía para os nosos clientes”. Así o vén de anunciar o xerente de Satdata Telecom, José Luís Madrid, quen considera que a implantación do modelo CMMI chegou “nun momento crucial para a empresa” xa que se atopa en pleno desenvolvemento do seu plan de internacionalización.
O modelo CMMI garante un crecemento ordeado, así como a optimización dos recursos e a xestión do coñecemento nesta nova etapa que afronta.
Asemade, explica Madrid, a aplicación do modelo de calidade CMMI permitiralle a Satdata Telecom, “a mellora do servizo aos seus clientes” xa que o modelo de traballo implantado pasa por poñer en marcha unha “estrita metodoloxía” que garante a creación de software de alta calidade e rigurosos controis sobre as probas de funcionamento de tal modo que a posibilidade de erro do software que se pon no mercado se vexa reducida ao máximo.
A galega Satdata Telecom obtén o prestixioso certificado CMMI de nivel 3
Compartir Este Artigo

