Con determinados servizos en Internet acontece igual que na vida con certas persoas que nos rodean: se lles das unha man, cóllenche o brazo enteiro. Isto que en relación ás nosas amizades non tería por que ter máis repercusión negativa que a dun exceso de confianza, en cuestión da Rede achega feituras máis graves, sobre todo se o que está en xogo non é outra cousa que os nosos datos persoais. A cousa semella que non ten parada a curto prazo e cómpre andar cada día con máis tino, tal é o volume de negocio que se xera hoxe en día na Sociedade da Información que nos convida a ser unha parte activa da súa construción e contido. Segundo vén de advertir no seu reconto (formato pdf) de actividade a Axencia Española de Protección de datos (AEPD), as queixas dos internautas tras veren vulnerados os seus dereitos á privacidade medraron máis do 45% ao longo do ano pasado. A maiores, e para que nos fagamos unha idea de ata que punto concorremos nas novas plataformas da información sen estar apenas preparados para o xogo no que de maneira inevitable imos ter que entrar a formar parte (o xogo de pasar a ser, polo simple feito de ser internautas, obxectos de todo tipo de reclamos ao límite do lexítimo), das 2.362 denuncias que lle fixeron chegar á axencia os usuarios, a gran maioría facía referencia a firmas do sector das telecomunicacións, a entes financeiros e a servizos de video vixiancia.
No que atinxe ao primeiro tipo de queixas, as dirixidas ás compañías que achegan acceso e contido ás redes, baséanse sobre todo nunha das lacras informativas desta era na que vivimos de proliferación a esgalla de caixas de correo: o correo lixo. O spam, pois así se lle chama á versión dixital de toda a palla que por tradición nos chega polos servizos postais ordinarios, constitúe polo tanto unha das principais preocupacións dos usuarios das novas tecnoloxías, en todas as súas manifestacións, incluída a variedade telefónica, cada vez máis común, o que deriva entre outras cousas na incorporación do usuario a servizos de tarificación adicional sen o permiso pertinente.
Polo que atinxe ás denuncias ligadas á actividade bancaria, son principalmente queixas motivadas pola incorporación nos ficheiros de morosidade ou por ter pasado de longo dun dos grandes deberes de calquera empresa de cara aos seus clientes: manter a súa identidade segreda. Esta actividade incesante de uns e outros motivou que en 2008, segundo informa a Axencia de Protección de Datos, se dese comezo a un 58% máis de operacións sancionadoras ca no ano anterior, procedementos que deron como resultado un total de 22,6 millóns de euros en multas.
As queixas perante Protección de Datos medraron un 45% en 2008
Compartir Este Artigo

