A asociación empresarial galega Ineo e máis o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) veñen de unir forzas para promover na nosa terra o mellor acubillo posible para o desenvolvemento das ferramentas dixitais a nivel de actividade de mercado: o acubillo que achega a difusión do coñecemento. O acordo entre ámbalas partes, que ten feitura de pacto de colaboración para potenciar as respectivas achegas educativas, foi asinado polo director xeral de Formación da Consellería de Traballo, Pastor Fuenseca, e polo presidente de Ineo, Jorge Cebreiros. O convenio en cuestión, segundo informa o CNTG (na imaxe), vai encamiñado non só a afianzar o emprego das novas tecnoloxías naqueles sectores máis vinculados ás mesmas, senón tamén entre os eidos do noso tecido económico que teoricamente (mais non na práctica) menos precisan delas.
Nun terreo máis concreto, o acordo inclúe accións formativas e informativas conxuntas sobre as vantaxes das diferentes ferramentas e servizos tecnolóxicos dispoñibles na nosa terra e establecemento de fórmulas de cooperación e canles de comunicación que dean marxe para localizar as necesidades do sector dixital galego co fin de axustar a oferta formativa á demanda real do mercado. Con este obxecto, fixaranse liñas de colaboración para facer máis doada a incorporación ao mercado laboral dos alumnos desempregados que rematen actividades formativas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e que inclúen a posibilidade de realizar prácticas nas empresas do sector dixital de Ineo.
O CNTG e Ineo colaborarán para formar a informar dixitalmente aos galegos
Compartir Este Artigo

