A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, no marco dos Encontros Mestre Mateo, que se están a desenvolver por toda Galicia paralelamente aos Premios do mesmo nome, vai acoller esta mesma tarde aos finalistas á categoría de “Mellor obra de animación” nunha mesa redonda que dará comezo a partir das 18:30 horas.
O acto contará coa presenza, entre outros, de Alberto Neira, director de produción de Bren Enterntainment, Chelo Loureiro, produtora executiva de A crise carnívora, Jorge Morais, director de O pintor de ceos, Juan Carlos pena, co-director de O espíritu do bosque, Miguel Mariño, director de desenvolvemento de Alén Filmes, por Homeless, sen teito e a Miña casa é un inferno, e Tomás Conde, director de O soldadiño de chumbo. Todos e todas constitúen grandes pesos pesados do mundo do audiovisual galego, e participarán na Coruña moderados polo decano da devandita facultade, José Juan Videla.
O seguinte relatorio destes Encontros, vaise celebrar na Fundación Tic de Lugo, mañá vernes, 24 de abril, e a el asistirán os finalistas á categoría de “Mellor longametraxe de ficción”, Ángel de la Cruz, director de Os mortos van á presa e Alfonso Zarauza, director de La noche que dejó de llover.
Por outra banda, a Semana do Audiovisual Galego chegará hoxe a A Guarda, Abegondo, Cariño, Chantada, Lalín, Monforte, Reondela, Ribadavia e Santiago de Compostela, cunha programación que se pode descargar de balde na sección Premios Mestre Mateo 08 na páxina web da Academia Galega do Audiovisual.
Os Encontros Mestre Mateo levan á Coruña aos seus mellores animadores
Compartir Este Artigo

