Segundo contaba estes días Fernando Berlín na súa web (Radiocable) e se fixeron eco medios como Bandaancha ou o noso, o Goberno español estaría dándolle forma final a un proxecto dirixido a facer da informática e das novas tecnoloxías compañeiros inseparables dos cativos. Máis polo miúdo, do que se trataría é de seguir (pero ate certo punto, porque en España semella que vai primar o propietario) o ronsel de iniciativas como a posta en marcha no país irmán, Portugal, onde o Executivo presentou hai meses o proxecto Magalhães, unha máis que interesante iniciativa da que xa dimos conta en Código Cero e que incluiría entre outras medidas a achega de 500.000 ultraportátiles para os nenos e nenas. Pois ben, o proxecto de Rodríguez Zapatero e o seu equipo, que iría un pouco na mesma liña (na de levar un ordenador a cada cativo de Primaria), está xa a provocar todo tipo de reaccións na Rede, e todo iso malia ser pouco máis que un ruxerruxe a medias confirmado. Segundo engade Radiocable, en xeral a proposta vese con bos ollos dentro da comunidade internauta española, sobre todo na súa vontade de revolucionar a educación e as primeiras tomas de contacto co coñecemento. Con todo, tamén hai que recoñecer que hai un punto concreto susceptible de converterse en fonte de polémica: a posibilidade de que os ordenadores distribuídos vaian sobre programas propietarios.
En xeral, a xuízo dos colectivos españois en liña, é este un tema sobre o que cómpre meditar a fondo, ao igual que as condicións nas que se teña que formar aos propios profesores para que estes, á súa vez, formen aos máis pequenos. Nesta liña se postulan por exemplo webs como a de Antonio Ortíz (Error 500), onde se convida ao Goberno a reflexionar sobre a ensinanza que se lle vai fornecer aos asinantes (ao seu xuízo, é esa precisamente a barreira que cómpre superar, a de ser quen de atopar mestres que deixen atrás todos os prexuízos culturais do país contra as tecnoloxías) ou a de Nacho Escolar, que no seu blog amosa unha aposta decidida dos lectores a prol de tirar partido da oportunidade que se presenta para promover no país o software libre. A xuízo dos usuarios do caderno, está máis que demostrado que a programación aberta contribúe a xerar empresas locais con postos de traballo de valor engadido.
Na mesma liña se sitúa Javier Monteo na súa bitácora Aula de música, quen defende a medida pero cunha xestión moito máis independente por parte dos centros educativos, que deberían ser libres para elixir os recursos físicos e máis os sistemas operativos que empregarán os nenos e nenas. Ao seu xuízo, “pagar arredor de millóns de licenzas en programas e sistemas operativos privados é de tolos”.
Por certo que a nova tamén chegou a redes sociais e comunidades en liña, como Twitter ou Menéame, nas que os usuarios semellan estar inclinándose cara a unha meirande aposta a prol dos sistemas libres, máis baratos e con máis marxe para adaptación ás necesidades persoais do usuario.
Unha proposta ambiciosa
Segundo sinalaba Berlín esta semana a propósito desta primicia, a proposta é moi ambiciosa e implica a posta en xogo activa de todo o sector das novas tecnoloxías, tanto no que ser refire ao eido da informática como o das operadoras de telecomunicacións. Por certo que tamén se pretende buscar a participación da banca, co fin de que asuma (non sabemos aínda de que maneira) as tarefas de dar formato ás diferentes canles de financiamento.
O que si se sabe é que nas conversas coa industria semella ter estado o xigante Microsoft polo medio, do que se deduce que o espírito da programación libre non terá, polo menos nun principio, moita marxe de manobra.
Tamén se di que nas conversas co Ministerio de Educación teñen participado Intel e máis Vodafone, amais de diversas editoriais de obras e contidos para nenos, que estarían sendo mobilizadas para darlle un pulo á dixitalización integral das súas achegas. Polo tanto, no que no que se refire a soportes de software e hardware elixidos, o máis probable é que teñamos un novo exemplo de cruzamento entre sistemas Windows e material tecnolóxico Intel.
A Rede anima ao Goberno coa súa medida de levar ordenadores aos nenos pero pídelle máis software libre
Compartir Este Artigo

