De cando en vez xorden novas que non deixan de sorprender por moito que un estea máis ou menos preparado para calquera cousa. Quen o ía dicir, pero segundo Red Hat España ocupa o segundo punto en materia de actividade vinculada ao software libre. Esta sorpresa nosa vén a conto porque, non nos enganemos, estamos a falar dun país onde todo o que se fai a prol da programación aberta semella provir máis de iniciativas concretas que dunha vontade centralizadora que coordine todo o tecido produtor, desenvolvedor e usuario. Por exemplo: por unha banda temos entidades como o noso Centro Mancomún que promoven dende un goberno autonómico o uso deste software e pola outra hai un Goberno central que, malia non estar confirmado totalmente, está a dialogar con empresas de software propietario para dar forma a un programa de achega de ordenadores para os máis pequenos. Enleadas aparte e volvendo ao informe de Red Hat, dicir que os devanditos datos positivos para España están á vista de quen queira velos no seu Open Source Activity Map, un estudo que reflicte a cantidade proxectos abertos que se están a realizar en todo o mundo.
Neste informe, o dito país sae moi ben parado, ocupando un segundo posto e situándose como referencia a seguir en materia de introdución de GNU/Linux e software de código aberto na Administración Pública. No estudo de Red Hat, que sitúa a Francia no primeiro posto da listaxe e a Alemaña no terceiro, téñense en conta factores como as políticas e prácticas de software libre en eidos como o goberno, a industria e a comunidade de usuarios.
O informe compleméntase con outro mapa chamado Open Source Enviroment Map que amosa o contorno aberto que rodea cada país e que pode contribuír ao medre de plans e proxectos de programación libre neses mesmos país. Neste segundo gráfico, as cousas son diferentes para España, xa que aparece no posto 20º.
Red Hat sitúa a España como o segundo país do mundo en actividade ligada ao software libre
Compartir Este Artigo

