Orange está a facer estraños compañeiros de viaxe. Entre os que menos imaxinaría o internauta de a pé que acabaría facendo acordos coa operadora atópase a Wikipedia, que semella estar a piques de formalizar un pacto para desenvolver servizos e contidos para os clientes da firma telefónica. Segundo se sinala en webs como El Navegante, o anuncio da formalización deste achegamento entre as partes só é cuestión de semanas ou días. En virtude do pacto entre a fundación Wikimedia e o grupo France Telecom, estaríanse sentado os alicerces para a posta en marcha de novas canles en Internet para o computador e o móbil con máis información e servizos a distribuír de xeito conxunto polas dúas marcas.
Este movemento dos responsables da enciclopedia en liña, ata hai ben pouco concibida con feitura de proxecto sen arela de lucro, pon de manifesto unha vontade de reorientar as súas achegas cara ao que moi probablemente considere xa a gran revolución vindeira da Sociedade da Información: a do móbil e o seu mercado. Para facérmonos unha idea: en España xa hai dous millóns de usuarios que xa empregan o terminal como vehículo de acceso á Internet, e a cifra non para de medrar e, en breve, atopará un importante pulo coa mellora das propias tecnoloxías, o abaratamento dos prezos e a popularización total destes servizos. Polo que respecta a Orange, a súa idea é promoverse a si mesma como unha marca comprometida co coñecemento universal, precisamente un dos distintivos da Wikipedia e, en virtude deste acordo, un valor tamén a compartir.
Orange e a Wikipedia unen forzas para crear contidos para móbiles e Rede
Compartir Este Artigo

