Nisto da venda de dominios, vence sen lugar a dúbidas a obviedade: o máis sinxelo para un órgano, o noso cerebro, que case sempre é máis limitado do que pode parecer a primeira vista. De aí a deducir que ter entre mans un dominio chamado viajes.com é algo así como que che toque a lotería non hai máis que un paso. E tanto que é así, posto que segundo informan medios como Baquia, viajes.com vén de saír a poxa en Santa Clara, California, por 750.000 dólares, prezo alto de por si que podería chegar a rentes do inimaxinable de mediar un bo número de persoas interesadas e abondo teimudas co que se lles mete entre cella e cella. O dominio en cuestión, que será subhastado na recta final da vindeira edición da Conferencia Traffic (a celebrar do 27 ao 30 de abril), ten ao seu favor o feito de incluír a palabra (a única, xunto coa extensión comercial, “.com”) que designa por excelencia o costume tan humano de andar dun sitio para outro, sen que se lle teña atopado ata agora rival á súa altura (nin desprazamento, nin excursión, nin itinerario teñen esa contundencia).
Con todo, afirman os analistas, é probable que nin sequera se chegue a vender, tendo en conta o intre delicado polo que está a pasar a economía do mundo. Iso si: se venda ou non se venda, servirá para tomarlle o pulso ao papel que xoga a lingua española na comunidade internauta internacional, ata o de agora ben saturada de dominios ingleses. A cousa non pinta para o español: no que vai de ano os tres dominios que foron alén do millón de dólares á hora de cambialos de mans incluíron termos anglosaxóns: toys.com, que chegou aos 5 millóns de dólares, fly.com e auction.com (poxa.com), ámbolos dous vendidos por cantidades próximas aos dous millóns. Polo que respecta a viajes.com e o seu propietario actual, dicir que se trata dun empresario paraguaio chamado Chris Chena, quen se fixo co espazo en cuestión hai catro anos por unha cifra que roldaba os 300.000 dólares. Arestora é o principal accionista de Canal13, unha cadea de televisión do dito país Latinoamericano, e segue adiante coa súa carreira empresarial en liña poñendo en xogo dominios especialmente procurados, como por exemplo coches.com.
O dominio viajes.com sae a poxa por un prezo de 750.000 dólares
Compartir Este Artigo

