A sinatura electrónica, esa gran descoñecida que por unha banda garante a identidade do remitente ou autor dun determinado documento e por outra que o seu contido non sexa visualizado por terceiras persoas non autorizadas, vai deixar de ser un “misterio” para os estudantes galegos que asistan mañá mércores ás xornadas sobre Informática e Legalidade que promove a Organización Precursora de Iniciativas do Campus de Ourense (OPICO) e que se están a celebrar na cidade das Burgas dende hai tres semanas.
As charlas, aínda que están abertas ao público en xeral, están orientadas especialmente a estudantes de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática, así como a alumnos de Dereito, e a de mañá, en concreto, estará dedicada a analizar ao detalle as vantaxes e o potencial que ten o uso da sinatura dixital no eido da e-administración.
Na práctica diaria, a sinatura e certificación dixitais aínda están en período de implementación e namentres que as distintas administracións públicas apostan decididamente por estas tecnoloxías, no eido privado o seu desenvolvemento está menos acelerado.
O secretario do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Juan Valiño García, será un dos encargados de participar mañá no devandito acto e o seu relatorio versará sobre os usos e vantaxes da sinatura dixital sobre formularios web e procesos electrónicos.
O CPEIG divulgará mañá en Ourense as vantaxes do uso da sinatura electrónica
Compartir Este Artigo

