Se onte falabamos de operadoras que semellan en boa medida estar a favor de levar a cabo medidas (no seu caso económicas) contra todos aqueles internautas que se pasen da raia subindo e descargando material protexido con copyright, desta volta toca falar precisamente do contrario: dunha firma encargada de achegar servizos de acceso en liña que se nega a participar na persecución dos usuarios que usen as redes abertas P2P. Estamos a falar de Tele2, empresa sueca que vén de anunciar que, polo menos no que respecta ao mercado do seu país, non só non gardará as pegadas que os seus clientes deixen na Rede e que poidan resultarlles máis comprometidas á hora dunha hipotética persecución por parte da SGAE escandinava, senón que mesmo procederá a eliminalas. Isto que significa? Pois que non haberá enderezos IP que procurar, hoxe o principal sedimento en liña que achega unha navegación e, falando máis en termos detectivescos, aquilo polo que che pillan.
Esta iniciativa, está máis ou menos claro, representa un atranco para calquera proposta regulamentaria contra as descargas de todo tipo de material: filmes, cancións ou videoxogos.
Por certo que a medida non afectará a moitos clientes (Suecia non é moi poboada, pero alí case hai un internauta en cada persoa), pero ten feitura de posición simbólica a seguir por outras operadoras europeas que a día de hoxe non saiban cara a onde tirar.
Máis polo miúdo, Tele2 eliminará os IPs de máis de 600.000 usuarios da Rede espallados polos países nórdicos. Quen seguramente non estea moi satisfeito coa medida da compañía será o equipo de impulsores da lei Ipred (acrónimo de Intellectual Property Rights Enforcement Directive, a directiva europea que lle serviu de alicerce) que entrou en vigor hai uns días e que deixa man libre aos tribunais do país para poñer contra as cordas ás operadoras e que estas lles acheguen toda a información precisa para saber a que persoa corresponde cada IP. “O obxectivo é respectar a integridade dos nosos clientes”, sinalaron fontes da empresa.
Tele2 garantirá o anonimato dos internautas suecos en caso de persecución por pirateo
Compartir Este Artigo

