Continúan as reaccións respecto das medidas que podería estar preparando o Goberno central para levar un ordenador a cada nena e neno de Primaria, iniciativa que de por si está a acadar boa aceptación na comunidade internauta con excepción de algún detalle que outro. Por exemplo: a posibilidade de que Microsoft participe na iniciativa con seu software propietario. Este punto, sen lugar a dúbidas o máis discutido, é precisamente o que retoma estes días Hispalinux para poñer sobre a mesa as que ao seu xuízo serían as consecuencias de confiar unha proposta educativa de tanto potencial a unha compañía estranxeira (malia ter ampla presenza en España) e que defende a protección firme dos seus produtos. En opinión da comunidade de usuarios de software libre, de confirmarse este punto (esta distribución masiva de ultraportátiles con ferramentas de Microsoft de serie entre os 2,6 millóns de alumnos de Primaria do territorio estatal) estaríamos ante o golpe definitivo por parte do Goberno contra o sector da programación aberta do país.
Amais disto, sinalan, daríase outro problema a ter en conta nun intre, o que estamos a vivir, que non se caracteriza pola especial bonanza económica: o problema do custe polo pago pertinente das licenzas propietarias, algo que (apuntan) cómpre ter en conta no seu conxunto: non se pagará pola adquisición dun único programa, senón por todos os que incluirá cada computador pendente de distribución. “Se consideramos un prezo de 60 euros”, apunta Hispalinux, “por cada sistema operativo e de outros 52 por cada licenza de Microsoft Office para estudantes, estaríamos a falar dun dispendio anual e recorrente no tempo de case 100 millóns de euros”. A isto, engade, habería que sumar outros custes de licenzas como por exemplo a do antivirus, que é preciso neste caso para protexer, de forma paradoxal, os computadores con software propietario, “e que esixen contratar actualizacións de case 25 euros anuais por usuario”, manifestan.
Hispalinux critica duramente a presenza de Microsoft no proxecto para levar ordenadores aos cativos
Compartir Este Artigo

