No medio da crise mundial xeneralizada, sorprende ver que hai a quen non se lle estraga o peiteado permanente. Por exemplo: a compañía Amazon, empresa directamente vinculada á Rede (especializada no comercio electrónico) que case de xeito un pouco inesperado (porque o comercio electrónico, queirámolo ou non, tamén se resinte) non só está a manter o tipo no medio da treboada, senón que mesmo incrementa os seus ingresos coma se nadar contra corrente fose a súa especialidade. A tenor dos datos que a compañía achegou a pasada semana, os resultados do primeiro trimestre subministran un bo feixe de datos positivos: un medre nos beneficios do 24%, un incremento nos ingresos totais do 18% (case 5.000 millóns de dólares) e un beneficio por acción que se situou finalmente nos 0,41 dólares, o que evidencia un bo estado de saúde empresarial.
Segundo se conta na Rede, na suba das vendas con respecto ao acontecido no mesmo período do ano pasado tivo moito que ver a posta no mercado da segunda versión do Kindle (na imaxe), o lector de libros electrónicos que a compañía distribúe dende o pasado Nadal.
Malia todo, semella que hai certo aire de prudencia dentro do seo da propia empresa: para Jeff Bezos, fundador de Amazon, é hora de poñerse a traballar, non só para seguir cara a adiante no medio da crise senón tamén para suprimir todo aquel labor interno que non conduza a nada e co obxectivo de impulsar a produtividade.
Amazon conserva o tipo e obtén resultados que nada teñen que ver coa crise
Compartir Este Artigo

