A organización de consumidores, Facua, vén de denunciar perante o Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil, un novo intento de phising, que desta volta chega con olor (e sabor) a hamburguesas de tenreira baixo o (falso) remitente da cadea de comida rápida McDonald´s.
Os afectados recibían unha mensaxe de correo electrónico que simulaba ter sido enviada dende a cadea de comida do famoso paiaso a través do correo promociones@mcdonalds.es, e nela convidaba aos internautas a encher unha falsa enquisa de satisfación da cadea co ingreso de 50 euros como recompensa.
O delictivo remitente solicitaba asemade que o usuario cubrira os datos da súa tarxeta de crédito (incluído o PIN), indicándolle que posteriormente lle farían unha transferencia co seu regalo a esa conta.
A mensaxe, que ten como asunto “Bono de 50 euros para participar na nosa enquisa de satisfacción do cliente”, emprega o logotipo da cadea de comida rápida polo que é doado que aquelas persoas máis confiadas na boa fé dos demais facilitasen os seus datos privados sen decatarse de que se trataba dunha estafa.
A web empregada para o intento de fraude, http://kimimiki.com:80/maces/mcdonalds.es-customer-satisfaction-survey, está dentro do dominio kimimiki.com, rexistrado en 2006 dende Tokio (Xapón).
Como é habitual neste tipo de mensaxes de correo electrónico e páxinas web (que soen desenvolver cidadáns extranxeiros), no texto aparecen algunhas faltas de ortografía e incorreccións gramaticais que permiten averiguar as verdadeiras intencións do remitente con só botarlle unha ollada:
«Estimado cliente de McDonald”s, Estamos planeando grandes cambios para 2009 en McDonald”s la cadena de restaurantes en España y porque su opinión es muy importante para nosotros, le invitamos a tomar una breve encuesta de satisfacción del cliente que nos ayudará a mejorar la calidad de nuestros alimentos y servicios. Sabemos que su tiempo es valioso, por lo que le dará un bono de 50 Euros sólo para la toma de nuestra rápida encuesta 7 pregunta. Todo el proceso se llevará no más de 5 minutos».
Pola súa banda, os responsables da cadea, non tardaron en lanzar un comunicado confirmando que non están a realizar ningunha promoción por Internet e que a empresa non está vinculada a ningunha actividade promocional por correo electrónico similar.
Asemade aseguraron estar a investigar a fonte destes correos maliciosos e “lamentan calquera inconveniente que este suceso lles poidera ter ocasionado aos seus clientes”.
McDonald´s descúlpase polo uso da súa identidade nun caso de phising
Compartir Este Artigo

