O presidente do PP, Mariano Rajoy, a fin de impedir que “as leis estrangulen a liberdade dos usuarios, e, por extensión, dos cidadáns”, referíndose ás remuneracións compensatorias que obteñen as entidades de xestión de dereitos de autor no noso país pola venda de distintos dispositivos de grabación e almacenamento de datos dixitais independentemente da súa finalidade, vén de anunciar que o seu partido promoverá a redacción dunha normativa que preveña a creación de sistemas de canon dixital “indiscriminados”.
O líder dos populares fixo este anuncio preelectoral nun acto convocado para presentar a nova páxina web do seu partido, (da que tamén damos conta hoxe), que inclúe unha rede social ao estilo de Facebook co obxectivo de “mobilizar aos militantes e ás bases do partido e estreitar as relacións coa sociedade”.
A normativa, segundo adiantou Rajoy, promoverá “que ningún usuario sexa privado de acceder a Internet” e preverá a “creación de sistemas de canon dixital indiscriminados en soportes dixitais, e con independencia da fin para o que vaian ser empregados”.
Asemade, o político anunciou que o Partido Popular defenderá os dereitos dos usuarios da telecomunicacións e de Internet, para o que “abogará por protexer ao usuario fronte ao operador e por sistemas xustos de compensación dos dereitos de autor”.
A ver se é verdade e esta promesa con bo sabor de boca para os internautas e usuarios de novas tecnoloxías en xeral se acaba convertendo nunha realidade.
Rajoy promete promover unha lei contra o canon dixital
Compartir Este Artigo

