Xa o advertiron hai pouco en Santiago Bankinter, BIC Galicia e Feuga: a revolución comunicativa do futuro inmediato está máis ao alcance da man do que criamos: está no noso peto ou carteira e hai quen lle chama móbil e outros teléfono ou terminal. Todo xoga ao seu favor e todo apunta á unha excelente sintonía con Internet, tal e como reflicte agora ENTER no seu novo informe sobre o mercado destes aparellos, e máis concretamente ao favor do mercado dos datos móbiles. Pulos non lle faltan: o rápido despregue da banda larga móbil (calcúlase que este ano se chegue aos 100 millóns de usuarios no mundo), as vendas de teléfonos intelixentes (que xa representan un 15% dos aparellos comercializados, e que en 2013 chegarán ao 38%) e o papel que xogan as operadoras establecendo ligazóns cos provedores de software e servizos.
Estas e outras circunstancias, sinala o centro de análise da IE Business School nunha investigación xa dispoñible na súa web, están a crear algo máis que unha situación favorable, non só para superar a crise (que os móbiles á súa maneira tamén sofren), senón para que comece finalmente unha revolución comunicativa sen comparanza e apoiada nunha situación case providencial: quen máis quen menos, ten hoxe en día móbil.
De acordo co dito estudo, aínda hai cousas que superar. Así, o mercado mundial da subscrición ao uso de terminais vai medrar un 12,7% internanual en 2009, por debaixo do ritmo dos anos anteriores pero por enriba da maior parte dos servizos tecnolóxicos dispoñibles. No que atinxe ás vendas de trebellos, prevese algo máis ca un parón: unha caída en toda regra, entre un 5% e un 10%. Con todo, sinálase, tendo en conta factores de desenvolvemento e demanda actuais, non se agarda máis que unha superación e un despegue, proceso do que en boa medida serán responsables os smartphones (teléfonos intelixentes), trebellos que achegan moitas máis facilitades para acceder a Internet e descargar aplicacións, co que os prognósticos apuntan a que os ingresos por datos se sitúen nun prazo duns catro anos nos 347.000 millóns de dólares (o dobre do que achega hoxe en día), o que representará un terzo dos ingresos totais dos provedores de servizos móbiles. Agárdase tamén que o afianzamento das tecnoloxías 3.5G acade o 22,9% en 2013, fronte ao 1,2% de 2007.
O mercado dos datos móbiles duplicarase en catro anos
Compartir Este Artigo

