Barack Obama e o seu Goberno progresista semellan en cuestión de Internet e descargas (intercambio de ficheiros musicais ou audiovisuais) estar feitos do mesmo material cós seus antecesores. E para que non quere dúbida algunha sobre a súa tendencia a poñerlle valados á Rede, danse a si mesmos permiso para criticar aos espazos onde consideran que non se están a erguer valados abondo. Entre estes lugares onde o internauta anda ceibo de xeito máis que inadmisible atópase, a xuízo do Goberno de EE UU, nin máis nin menos que España, un país que, cousa curiosa, tampouco semella levar trazas de ser un modelo a seguir en materia de deixar que a xente xogue na Rede ao seu xeito.
O caso é que como puidemos saber hoxe, ao equipo de Obama non lle gusta ren como se están a levar as cousas no que respecta á piratería dixital, polo que lle esixe a Zapatero maior dureza e que retire a circular da Fiscalía na que se sinala que compartir música ou filmes sen arela de lucro non é delito. As reaccións na blogosfera e na comunidade internauta en xeral non se fixeron agardar. Entre as declaracións máis contundentes, as do caderno Mangas Verdes, onde se cualifica de insulto á cidadanía española o informe de EE UU no que se inclúen as devanditas chamadas de atención, ademais de facer un chamamento ao Goberno de Zapatero para dar unha resposta firme ás provocacións.
Na mesma liña de rexeitamento claro sitúanse o galego Enrique Dans, o blog Colacados (onde se incorporan as leccións de legalidade de EE UU a unha listaxe de cousas nunca imaxinadas, como por exemplo un elefante voando) ou os usuarios de Méneame.
No informe en cuestión, dase a entender mesmo un labor de férreo control sobre o que aquí se fai ou se deixa de facer en materia de descargas: “España manterase na listaxe de vixilancia en 2009. Estados Unidos urxe de xeito enérxico ao Goberno español a que leve a cabo accións de maneira rápida e significativa para reconducir o serio problema da piratería por Internet. O Goberno español ten realizado esforzos mínimos para mudar a estendida e errónea percepción que existe en España de que compartir arquivos cos sistemas P2P é legal… “. Polo tanto, no documento anímase (case se lle esixe) a España que notifique oficial e publicamente o seu rexeitamento ás devanditas redes P2P (na liña de eMule, Ares ou Bittorrent), declarándoo ilegal e deixando fóra de labor a devandita circular do fiscal xeral do Estado de maio de 2006 que ía encamiñada a lexitimar o intercambio de ficheiros a través destas canles.
Segundo se fai saber en El País (que ofrece en pdf o informe completo), a cuestión da Internet é a todas luces un tema claro de desencontro entre Zapatero e Obama, e máis aínda se temos en conta que España aparece nun posto medio-alto na listaxe negra do país americano ligada ás descargas pola Rede. Por certo que no informe presentado, non só se expresan serias dúbidas sobre as condicións nas que se persegue á piratería (dase a entender que o feito de que non haxa un só internauta condenado é sinal que algo falla), senón que tamén se lles dedica aos xuíces e fiscais de todo agás palabras de ánimo, responsables estes de ter deixado en liberdade e sen sancións aos responsables das webs que fan de ligazóns entre os usuarios da Rede e as descargas.
As advertencias dos EE UU a España pola súa permisividade coa piratería provocan rexeitamento na Rede
Compartir Este Artigo

