Se comparamos a cantidade de imaxes que hai sobre Galicia e sobre Irlanda no Flickr veremos que hai certa diferenza, e iso que practicamente temos a mesma poboación (os irlandeses algo máis, ben é certo). O caso é que nós saímos perdendo (preto de 200.000 fotografías introducindo Galicia e de 35.000 por Galiza, fronte ás máis de 2 millóns que eles teñen por Ireland). A explicación, malia o evidente (Irlanda é un país máis metido na cuestión dixital, e ten, polo de agora, máis tirón turístico, o que significa unha maior teima por fotografalo todo), aínda está por coller corpo definitivo. Máis ou menos igual que o éxito fulgurante de Nova York como a cidade máis rexistrada no dito álbum 2.0 da comunidade en liña, unha sorpresa para este que escribe, que albisca un par de razóns máis ou menos fóra de toda dúbida para esta sobrepresenza que lle tería achacado, se lle tivesen inquirido, a cidades como Hong Kong, Pequín ou Tokío, onde é probable que se concentren por metro cadrado a meirande cantidade de seareiros de inmortalizalo todo cunha imaxe.
Este protagonismo de Nova York, rexistrado e dado a coñecer por investigadores do Centro de Computación Avanzada da Universidade de Cornell (logo de tirar proveito dun supercomputador para avaliar a cifra nada desprezable de 35 millóns de imaxes de 300.000 usuarios de Flickr), probablemente veña dado polo relativo baleiro das urbes de Oriente no devandito servizo 2.0. Para que se entenda: en Nova York, agora si, é case con total seguridade o lugar onde e concentran por metro cadrado a meirande cifra de fotógrafos… de Asia.
Deste xeito, entre a achega compulsiva de turistas das devanditas cidades de Oriente, visitantes máis ou menos desocupados e naturais da propia urbe norteamericana, que ninguén se estrañe se esta encabeza a listaxe. O estudo en cuestión (pdf), que foi presentado hai uns días na International World Wide Web Conference celebrado en Madrid, sitúa no primeiro lugar dos monumentos máis fotografados unha construción máis que previsible: a Torre Eiffel de París, ou, o que é o mesmo, aquilo que non podes deixar de fotografar se estás de visita na capital de Francia. Esta é a listaxe de cidades máis metidas no Flickr (por certo que Barcelona aparece no posto 12 e Madrid no 20):
1. Nova York
2. Londres
3. San Francisco
4. París,
5. Los Ángeles
6. Chicago
7. Washington, D.C.
8. Seattle
9. Rome
10. Amsterdam
Os lugares máis inmortalizados do mundo a través de Flickr son:
1. A Torre Eiffel, París
2. Trafalgar Square, Londres
3. Tate Modern Museum, Londres
4. Big Ben, Londres
5. Notre Dame, París
6. The Eye, Londres
7. Empire State Building, Nova York
Nova York encabeza a listaxe de cidades máis fotografadas no Flickr
Compartir Este Artigo

