O portal de información xenérica Terra está de estrea. Máis polo miúdo, da súa nova canle de novas, Terra Noticias, unha sección de actualidade en liña que, a xuízo dos responsables da web, vai encamiñada a achegar a máxima fondura e calidade nos contidos. A nova canle, que xorde xa co traballo feito dunha audiencia potencialmente convocada (a audiencia de Terra Actualidade, que segundo estudos de Nielsen Netratings é de máis de 3 millóns de usuarios únicos ao mes), conta cunha serie elementos distintivos postos en xogo para abranguer a maior porcentaxe de usuarios e usuarias. Primeiro: unha web máis visual que, segundo informa o equipo desenvolvedor de Terra Noticias, inclúe máis información multimedia (incorporando unha experiencia integrada no consumo de vídeo) e mellores condicións para chegar aos datos procurados a través de etiquetas, galerías visuais e listaxes das novas máis salientables, “que permitirán chegar ás audiencias máis novas de Internet”.
Segundo: unha web máis próxima (Terra Noticias xorde co obxectivo de rebaixar distancias coa audiencia a través de servizos e cobertura máis locais, “poñendo foco en temáticas afíns a través da persoalización e segmentación por interese e localización xeográfica”). Terceiro: unha web máis participativa. A idea dos responsables da proposta en liña é ofrecerlles aos usuarios maiores opcións de participación á hora de contribuír a facer, precisamente, a web. Máis polo miúdo, poderán valorar, votar e comentar as novas, permitíndolles tamén “avanzar alén na liña coas tendencias actuais de xornalismo cidadán.
Terra estrea canle específica de novas, máis participativa e visual
Compartir Este Artigo

