Tendo en conta que todo hoxe ten o seu día, os empresarios e o que seu labor significa para a sociedade na que se insiren non ían ser menos. Sen ir máis lonxe, a festividade xa se ve de preto nalgún que outro recanto do territorio estatal: celébrase este xoves 7 de maio en comunidades como Valencia ou Asturias, estando prevista na nosa terra o 19 deste mes. Coincidindo con estas actividades vinculadas ao espírito de negocio, collen pulo todo tipo de achegas reais e virtuais, públicas ou privadas, co obxecto de botar luz sobre a gran variedade de circunstancias en que o camiño das empresas e o da Rede se atopan. Nesta liña é onde se insire o libro Como trunfar con un proxecto en Internet, escrito por Rodolfo Carpintier, fundador de DaD, incubadora pioneira en cuestión de dar acubillo a novos negocios vinculados á Sociedade da Información. O libro, alén do interese que pode achegarlles aos novos empresarios (que llelo achega), posúe consellos prácticos para todos os internautas en xeral, e máis se temos en conta que o camiño para facer realidade unha experiencia innovadora non semella ser exclusivo de quen amosa máis vontade para os negocios.
Para quen queira ter contacto directo con este manual para o empresario en liña, sinalar que dende hai meses se vén publicando por entregas en Baquia.com (a día de hoxe no capitulo 11), web da que Carpintier é presidente.
Entre os contidos de valor que no seu traballo podemos atopar, a obra subministra claves sobre cómo atraer investimentos (arestora parados e indecisos, querendo desprenderse da construción pero non sabendo moi ben cara a onde ir), sobre as diferenzas entre facer negocio no mundo real e no virtual ou sobre os mellores xeitos de lanzarse ao mercado en liña (en equipo, mellor que mellor, tanto para acadar mellores resultados como para ter máis capacidade de atracción de investimentos).
Asemade, achéganse recursos sobre cómo gobernar un negocio en liña (facendo uso do sentido común, sinala o autor, e tendo á nosa beira xente de Internet, persoas que coñezan a Rede do seu país, incluído o eido blog, e que saiban, desta maneira, captar clientes a custes razoables). E engade: “A maioría dos modelos de negocio de Internet, sobre todo en comercio electrónico, son copias en liña dun negocio físico. O caso de Amazon é, porén, un modelo substitutivo dun gran almacén físico”.
Baquia.com publica por entregas as claves para o éxito dunha empresa na Rede
Compartir Este Artigo

