Internet, en cuestión de relacións humanas, non é nada do outro mundo. As vantaxes son outras: máis de forma que de contido. O resto, incluído case todo o bo e o malo que nos poida acontecer con outros internautas, estaba máis que inventado antes de chegar o dixital. Isto vén a conto para situar no seu sitio un novo estudo sobre seguridade en liña que, de non mediar un punto de vista amplo sobre o que se nos conta, podería dar a entender (unha vez máis) que a Rede é un niño de delincuentes á procura de vítimas. E probablemente así sexa, pero o mesmo ocorre coa vida off line. O informe en cuestión, que vén da man da firma de seguridade Norton, encamíñase a poñernos sobre aviso das condicións de liberdade en que unha boa parte da cativada vive en liña ou das moitas circunstancias en que os maiores nos vemos dirixidos (por vontade propia ou non) a webs pouco recomendables en materia de seguridade. A mensaxe non é nova, e resulta importante que nos animen ao fomento da Rede responsable, pero córrese o risco de non ver alén e identificar o dixital con todo o peor da sociedade. Con todo, o informe achega sentido común: deixar aos nenos sós, sexa na Rede ou en calquera outro escenario ou plataforma, ten un aquel de exercicio de irresponsabilidade.
Na nova achega de Norton, entre outras cousas, cóntasenos que os nenos e nenas pasan en liña o dobre de tempo do que pensan os seus pais, e que só arredor do 25% da rapazada admite aos seus proxenitores como contactos das redes sociais das que fai uso.
Pola contra, subminístranse datos máis alentadores, como por exemplo que o 90% dos pais conectados a Internet recoñece hoxe en día a súa parte de responsabilidade á hora de protexer aos rapaces, e, neste senso, estase a constatar máis diálogo sobre o tema (un 20% máis có ano pasado). Sexa como sexa, e malia este avance no coñecemento dos segredos das canles dixitais, semella que a teima por caer en certas webs de pouca confianza se mantén: así o fai o preto da metade dos enquisados por Norton, aínda escasamente afeitos a protexer os seus datos persoais con copias de seguridade e máis a empregar contrasinais (arredor da metade non o fan). Logo pasa o que pasa: preto dun terzo das persoas que participaron na confección do estudo afirmaron ter recibido algún tipo de ataque informático.
O estudo ten aínda máis datos que poñen de manifesto certo atolondramento en liña amosado por parte dunha boa parte dos internautas adultos: dous de cada 10 usuarios de todo o mundo non empregan ningún tipo de software de seguridade (o que non deixa de sorprender se temos en conta que arredor dun terzo dos enquisados no informe ten sufrido problemas cos seus discos duros, perdas de datos irremprazables ou incursións de piratas informáticos tentando penetrar no miolo dos seus equipos).
O Informe anual de Norton sobre Vida Online é un enquisa realizada en doce países (EE.UU., Canadá, Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, Suecia, China, Xapón, India, Australia e Brasil) por Harris Interactive en nome de Symantec, entre o 13 de outubro e 5 de decembro do ano pasado e sobre unha base de 6.427 adultos maiores de 18 anos e 2.614 fillos de 8 a 17 anos de idade que pasan unha hora como mínimo na Rede cada mes. Os resultados na súa integridade poden verse na web nortononlineliving.com.
Norton advirte: os nenos pasan na Rede o dobre do tempo do que pensan os seus pais
Compartir Este Artigo

