A Fundación ONCE segue a traballar no camiño de facer compatibles tres elementos que non terían por que non chegar a selo: as tecnoloxías da información, o novo mercado global e a compravenda responsable e xusta. Ese é o alicerce do Foro de Contratación Pública Socialmente Responsable, un contorno encamiñado a impulsar na Rede á adquisición de bens e servizos parte dos entes públicos. O proxecto, no que participan administracións, organizacións e empresas, incorpora entre outras cousas unha escolma dos regulamentos vixentes sobre este tipo de prácticas (directivas da UE e lexislacións autonómicas e estatais) e un servizo de información activo e aberto ás 24 horas para darlles cobertura ás empresas sobre as ofertas das institucións públicas de toda índole que incorporen cláusulas sociais.
Isto complétase cun apartado de alertas que sinalan os espazos onde se poden dar as posibles contratacións e unha listaxe de centros especiais de emprego que, co fin de promover a presenza de persoas con diversidade funcional no tecido produtivo, ficará aberta para as empresas que desexen inscribirse e certificar a súa concorrencia no Foro, polo que logo estarán en disposición de facer público o seu compromiso con estes colectivos.
Segundo informa Europa Press facéndose eco de declaracións de Alberto Durán, vicepresidente da Fundación ONCE, a gran finalidade desta iniciativa é xerar as condicións máis favorables para que dende o sector privado se impulsen plataformas para acadar un gasto público máis social, con contratación de persoas con diversidade funcional e o deseño de produtos e servizos accesibles para todos.
A ONCE presenta unha web para impulsar a compra responsable entre os entes públicos
Compartir Este Artigo

