Hoxe en día hai webs para todo, mesmo para poñer en imaxes, da maneira máis gráfica e literal posible, o lixo que comemos. Ou, para dicilo máis suavemente, aquilo non moi conveniente en grandes excesos para a nosa saúde que, por comelo, fai que deixemos de aplicarnos no que de seguro máis nos prestaba. Nesta liña, e cun aquel de frikismo (de esforzo case histérico nun tema moi específico) é onde se sitúa a web Sugar Stacks. A páxina en cuestión (vista grazas a Mangas Verdes) infórmanos polo miúdo da cantidade de azucre que inxerimos, e faino, como dixemos, do xeito máis gráfico: amosando como unha unidade duns catro gramos (o terrón que decote lle botamos ao café) remata por eclipsar literalmente o miolo da comida que completa.
Segundo se pode comprobar na propia web, as comparacións resultan un pouco preocupantes, en boa medida por dous motivos. Primeiro: o azucre, como todos sabemos, está moi ben pero en cantidades máis ou menos razoable. Segundo: non temos nin idea do que comemos. E senón, nada mellor que botarlle un ollo ao que representa a cantidade de azucre nunha simple lata de Coca Cola: dez terróns de azucre. A situación, empeora, con moito, a medida que nos imos a recipientes de máis envergadura, chegándose aos 27 no de dous libros.
A cousa tamén impresiona se nos imos ao extremo contrario, ao das froitas, xa que a tendencia é a pensar que teñen cantidades menores deste ingrediente (difícil imaxinar a un fabricante botándolle un terrón de azucre tras outro a un kiwi), pero nalgúns casos hai máis do que se pensa. Un exemplo: a mazá, que segundo os estudos dos responsables da web ten a cifra nada desprezable de seis cadradiños.
A web Sugar Stacks informa graficamente do azucre que comemos
Compartir Este Artigo

