Segundo o último estudo sobre fraude en medios de pagamento levado a cabo por Adicae, a Asociación de usuarios de bancos, caixas e seguros que está a realizar un Proxecto Europeo sobre esta materia, tan so o 20 por cento dos internautas españois comprou a través de Internet durante o último ano, unha cifra que se situa substancialmente por debaixo da media europea (establecida nun 32 por cento) e que se pode entender pola “pouca confianza que temos os españois neste tipo de pagamentos en liña”.
O informe indica que ata o 16,7 por cento dos españois recoñece ter sido vítima dalgún fraude na Rede, causándolles na súa maioría, danos superiores a 500 euros.
Asemade, ata o 60 por cento da poboación enquisada sufriu algún problema técnico co medio de pagamento distinto do efectivo e recoñecen non sentirse seguros ao usar esta tecnoloxía.
Outros datos de interese que revela o estudo son que o 52,99 por cento non se senten seguros ao pagar sen ser en efectivo e o 53,76 por cento experimentaron algunha vez algún problema técnico que lles fai dubidar da súa efectividade.
E é que o usuario da banca electrónica pode atoparse con graves problemas se é escollido polos piratas informáticos para ser branco dos seus ataques nun momento dado, motivo polo cal, Adicae propón o establecemento dunha “Recomendación Europea que limite ao 5 por cento a responsabilidade dos usuarios deste tipo de banca”.
Xa que logo, durante o día de hoxe e mañá, estase a celebrar en Barcelona o Simposium Internacional, O usuario de medios de pagamento ante o e-fr@ude, onde se reúnen representantes dos distintos axentes que interveñen no sector deste tipo de medios e por suposto os consumidores, para dar conta de todo o relativo ao comercio en liña, así como das respostas prácticas aos consumidores deste tipo de comercio en tempos de crise.
Os ciberfraudes frean a confianza dos consumidores en tempos de crise
Compartir Este Artigo

