A web da Mesa pola Normalización Lingüística é estes días un fervedoiro de actividades e convocatorias en relación á festa das nosas letras, o domingo 17 de maio, e máis concretamente en todo o relativo á manifestación a partir do mediodía en Santiago de Compostela co obxectivo de esixirlle ao actual Goberno galego unha maior protección para a nosa lingua. No tocante á páxina e á actividade que rexistra arestora, a idea básica da plataforma galega é tirar o máximo partido dela (e tamén doutras ferramentas como Facebook ou Tuenti) para acadar máis fronte común arredor deste compromiso co galego: animando ao envío de correos electrónicos a toda a nosa comunidade internauta para relembrar a cita do domingo, dando conta polo miúdo das diferentes accións incluídas na mobilización e facéndolle un novo chamamento aos usuarios da Rede para que asinen en liña no manifesto que esixe a igualdade de dereitos para o galego.
Asemade, estase a informar polo miúdo dende a web de todos os actos comarcais que se van desenvolver esta semana co gallo do Día das Letras.
Por certo que na web tamén se está a dar conta dos froitos acadados a través das redes sociais Tuenti e Facebook en materia de mobilización para o acto desta fin de semana. Segundo informa a páxina web da Mesa, máis de 4.000 persoas xa confirmaron a súa asistencia á manifestación a través de Tuenti (rede de meirande presenza da xuventude) e unhas 1.400 fixérono mediante o servizo Facebook (onde proliferan os grupos en contra da derrogación do decreto de galeguización do ensino aprobado polo bipartito no seu día).
A Mesa bota man da Rede para acadar a máxima convocatoria na manifestación deste domingo
Compartir Este Artigo

