Red.es (órgano do Ministerio de Industria) vén de mover ficha a prol de limitar ata onde sexa posible as posibilidades que teñen arestora os nenos e nenas de acceder aos contidos máis perigosos de Internet. Neste proxecto de protección ao menor no emprego das novas tecnoloxías, a entidade non traballará soa: farao coas principais operadoras de telefonía e acceso á Web do territorio estatal. Ou sexa: Telefónica, Vodafone, Ono, Telecable, Yoigo, Orange e Jazztel. Para Red.es, o acordo con estas compañías supón un compromiso firme para establecer un protocolo de actuación e pór a disposición de pais e titores a información e recursos precisos para asegurar un acceso sen perigo á Rede por parte dos menores de idades e evitar, deste xeito, que cheguen a “contidos inapropiados” para eles.
O convenio en cuestión, dado a coñecer durante a apertura da mostra Súbete ao tren de Internet (na Praza de Felipe II de Madrid), sitúase como a devandita exposición dentro do marco de actividades preparadas para conmemorar o Día de Internet, este domingo 17 de maio.
O alicerce do acordo, que de pouco serviría se non contase coa participación das operadoras, é favorecer o diálogo total entre as tres partes implicadas: administracións, empresas provedoras de rede e usuarios (pais, titores e nenos). Máis concretamente, do que se trata é de facer posible que os responsables das rapazas e rapaces estean en conexión directa coas operadoras para que estas lles fagan chegar toda a información precisa sobre as ferramentas dispoñibles para o filtrado e restrición do acceso a determinados contidos e servizos non desexados.
E todo isto a través da que a xuízo de Red.es é a canle de comunicación máis directa que teñen ao alcance da man: a das propias facturas. Deste xeito, sinala a entidade do Ministerio de Industria nun comunicado, incorporarán nelas recomendacións, consellos, guías de comportamento e datos sobre (entre outras) estas ferramentas:
· Sistemas de control parental (salientando as garantías que achegan no acceso aos menores a Internet).
· Aplicacións e contidos específicos para a nenez dispoñibles a través de Internet.
· O decálogo de Chaval.es, onde se dá conta sobre sitios web específicos para os nenos e nenas.
· Os labores realizados pola axencia de Calidade de Internet entre as que destaca o selo Confianza Online.
As operadoras incluirán nas facturas datos para a protección en liña dos nenos
Compartir Este Artigo

